Opinión

Entroido de filloas e feixós

Se, nunha ocasión na que saltou o diferencial da miña casa da Veiga, chega a entrar algún ladrón antes ca min, pensaría que estaba na casa de, polo menos, un asasino en serie que gardaba os corpos mutilados das súas vítimas no conxelador.

Afortunadamente era algo moito máis prosaico. Ao desconxelarse, o sangue porcino, que agardaba o seu momento en bolsas de xeo, derramouse e deixou conxelador e chan feitos un cromo.

Noutros tempos o sangue non se conxelaba e as filloas facíanse cando tocaba, e tocaba mentres duraban as matanzas. Cando non había sangue, facíanse os feixós. 

Ben sei que o que acabo de escribir non é unanimemente compartido, e mesmo a Academia chámalles freixós, sinónimo de filloa segundo eles; aínda que aceptando o termo feixós como sinónimo de feixóns. 

Asumindo o risco de entrar en aberto desacato á nosa autoridade lingüística, para min as filloas son con sangue ou non son. E cando non o son, son feixós.

Tamén sei que nestes tempos nos que vivimos, no que o máis cool é comer insectos, vermes, carne artificial, e outras exquisiteces (antes chamadas porcalladas); cousas coma o sangue amósansenos como noxentas e pouco civilizadas.

Asumindo o risco de entrar en aberto desacato á nosa autoridade lingüística, para min as filloas son con 
sangue ou non son. E cando non o son, son feixós

De momento, para o Entroido, os galegos aínda respectamos a tradición do cocido, e teño que recoñecer que me sorprendeu gratamente a variante compostelá de comer a carne envolta en feixós.

As filloas, aínda que se seguen a consumir, sobre todo na súa variante que nós chamamos feixós, están sendo desprazadas polas, tamén

tradicionais, orellas; máis industrializables e tamén máis doadas de comercializar.
Con todo, mantéñense na hostalaría, sobre todo como envolvente de recheos, ao estilo da súa variante francesa coñecida como crep.

Son estes creps, e máis o neoloxismo que o alimento en si, os que tamén están contribuíndo a desprazar as nosas tradicionais filloas. 

Sempre recordarei unha tarde, hai máis de vinte anos, nunha taberna de Molinaseca, preto de Ponferrada, na que os daban de pincho. Ante o meu comentario de que eran feixós, o camareiro respondeu, todo alporizado, cun contundente: «Nooooo, son creps!!!» (pronúnciese ben afrancesado).

Comentarios