Opinión

En defensa de Tamames

Unha das miñas viñetas favoritas é aquela na que Carliños lle di a Snoopy: «un día todos imos morrer»; e na que Snoopy lle responde: «certo, pero todos os demais días non».

Esta imaxe veume á cabeza mentres lle lía a outro columnista, referíndose a Ramón Tamames, expresións como «unha persoa de 80 anos non é unha aposta de futuro» ou «vello agonizante». Por outra banda, o invicto líder da oposición nacional tamén, seica, lle dixo persoalmente: «se foses meu pai, non che deixaría facer isto».

Pode que Tamames non sexa unha aposta de futuro, pero penso que o que pretende ser é, simplemente, unha aposta de presente. Tampouco é un menor de idade nin un incapacitado, polo que ninguén lle pode, aínda que sexa con loable actitude paternalista, quitar de facer nada. 
Joe Biden só é nove anos máis novo ca el, e poucos se atreven a chamarlle «vello agonizante», aínda que vaia por aí saudando a persoas imaxinarias, trastabillando polas escaleiras ou meténdonos en guerras.

Hai uns meses, Elon Musk publicaba en Twitter unha representación gráfica da súa posición política en relación cos grandes partidos, Republicano e Demócrata, na que el permanecía no mesmo sitio, mentres que os que moveran as súas posicións foran os partidos. Era unha forma de xustificar o seu cambio de voto que, por outra parte, non debería ser necesaria. Todos temos dereito a evolucionar e, se temos un mínimo de honradez intelectual, debemos ser consecuentes con esa evolución.

Esta honradez intelectual choca, moitas veces, co convencionalismo social. Vivimos nunha comunidade e temos uns amigos que nos poderían rexeitar se cambiamos de ideas. Explicábao moi ben meu párroco cando comentaba os versículos 13-16 de Mateo 5. Nesta pasaxe, San Mateo dirixíase aos xudeus que abrazaban o cristianismo e temían ser rexeitados pola súa comunidade.

Joe Biden só é nove anos máis novo ca Tamames, e poucos se atreven a chamarlle «vello agonizante», aínda que vaia por aí saudando a persoas imaxinarias ou trastabillando polas escaleiras

Tanto Musk como Tamames poden permitirse saltar estes convencionalismos. O diñeiro no primeiro caso, e a idade no segundo, danlles a liberdade de non ter que xustificarse ante ninguén.

Probablemente nunca fora comunista, pero Tamames militou no PCE porque era a alternativa mellor organizada fronte o franquismo. Quizais por iso se alíe agora con Vox. Pode que vexa a este partido como a alternativa mellor organizada fronte o sanchismo. O feito de ter inimigos comúns fai, ás veces, estraños compañeiros de cama.

Igual que o PCE do franquismo era unha amalgama de comunistas e opositores varios, tamén Vox o é agora. No partido de Abascal conviven, cada vez menos harmoniosamente, liberais, fascistas, algún tradicionalista e moitos oportunistas. Destes últimos, o exemplo máis preclaro sería o do ex-socialista Steegmann, o amigo das farmacéuticas.  

Nunca fun entusiasta de Tamames. O máis que cheguei a ler del foi aquel libro titulado ‘Ecología y desarrollo. La polémica sobre los límites del crecimiento económico’, no que facía un compendio daquelas teorías que vaticinaban que para o ano 2000 xa teríamos esgotado os combustibles fósiles. Realmente parecíame un tipo bastante aburrido e, ata que xurdiu esta polémica candidatura, non sabía que fora del.

Aínda así, teño que recoñecer que a súa presencia na tribuna do Congreso dos Deputados, o seu canto de cisne, vai a destacar notablemente sobre o nivel ao que nos ten acostumados a actual casta política. Quizais sexa por iso polo que lle teñen tanto medo!

En calquera caso, non hai de que preocuparse. Fronte a el, na primeira liña de combate, estarán eses deputados, que compartían mesa e algo máis co lendario ‘Tito Berni’. Eles defenderán o noso baluarte fronte ao fascismo.

Comentarios