Opinión

Corrupción europea

Aínda non pasaran catro anos desde o noso ingreso na CEE cando, como técnico da Comunidad de Madrid, informei negativamente un proxecto financiado polo Banco Europeo de Investimentos. Ante semellante atrevemento non tardei en recibir unha chamada dun responsable do banco, a través do cal se tramitaban os fondos; quen pretendía refutar as miñas conclusións co único argumento de que o proxecto fora aprobado en Europa. «Y ya sabe usted que en Europa...».

Xacando supoñíaselle a Europa unha superioridade non só económica, senón tamén moral e intelectual.

Trinta e tres anos despois as cousas xa non aparentan igual e, non hai aínda tres meses, foi arrestada a vicepresidenta do Parlamento Europeo e varios deputados socialistas por un escándalo de espionaxe e corrupción que, co de Tito Berni, xa temos case esquecido.

Realmente, en Europa as cousas xa deixaron de aparentar despois das eleccións ao Parlamento Europeo de 2019. En novembro dese ano accedeu á presidencia do BCE Christine Lagarde, unha señora condenada en Francia por «neglixencia que derivou en malversación de fondos», concretamente de 403 millóns de euros, durante a súa etapa como ministra de economía.

Na Comisión Europea habería sorpresas, xa que o presidente francés, Macron, tamén baixo sospeita polos casos Uber e McKinsey, racharía co máis democrático sistema do ‘spitzekandidaten’, inaugurado en 2014, e impoñería como presidenta á ministra xermana de defensa, Ursula Von der Leyden, que nin mesmo se presentara ás eleccións.

Por riba, esta señora estaba sendo investigada polo Bundestag por conceder a dedo contratos de asesoramento, por valor de 200 millóns de euros, e por borrar as mensaxes do seu móbil relacionados co caso.

Como responsable de Política Exterior e Seguridade incorporábase Josep Borrell, recentemente multado pola CNMV por usar información privilexiada para vender accións de Abengoa, da que era conselleiro por porta xiratoria, un día antes de que esta suspendese pagos e se afundise na Bolsa.

Unha Comisión con semellantes credenciais sería a que habería de afrontar a pandemia do covid-19, e despois a guerra de Ucraína. 
Con respecto á primeira cabe destacar que Ursula Von der Leyden está sendo investigada, non só pola opacidade dos contratos coas farmacéuticas, senón tamén por ter borrado, por segunda vez, as mensaxes intercambiadas con Albert Bourla, Ceo de Pfizer. 

Vencellada con Pzifer, como mínimo por ter ambas as dúas como principal accionista ao fondo Vanguard, está outra farmacéutica norteamericana chamada Orgenesis, empresa que fichou como director ao doutor Heiko Von der Leyden, aristócrata alemán casado coa presidenta da Comisión. 

Cabe dicir que unha filial italiana de Orgenesis, ata ese momento inactiva, recibiu 320 millóns de euros de subvención da Comisión Europea.
O tema dos lobbies é algo relativamente complexo, e daría para outro artigo, pois somos propensos a cualificar como lobistas bos a aqueles que apoian ás empresas do propio país, como sería o noso Pepiño Blanco, e malos a aqueles que, como Eva Kaili, defenden reprobables intereses de potencias estranxeiras, chámense Catar ou Marrocos.

De Catar xa se sabía que levaba tempo investindo enormes sumas de diñeiro en tratar de branquearse, pero non deixa de sorprendernos que un dos principais financiadores da trama do ex eurodeputado italiano Antonio Panzeri, á que pertencía Eva Kaili, fose Marrocos, tamén implicado no caso de espionaxe co programa Pegasus.

Quizais agora poidamos empezar a entender os recentes éxitos diplomáticos de Rabat, relativos aos cambios de postura norteamericana e española no referente ao contencioso do Sahara Occidental.

Comentarios