Opinión

Carrexo de votos

Érase unha vez, nunha pequena vila, un candidato dunha formación minoritaria que concorría ás eleccións municipais que se ían celebrar o día seguinte. Era unha noite primaveral e o candidato paseaba acompañado do segundo na lista e dun antigo candidato.
Falaban das cousas típicas e tópicas dunha xornada de reflexión, tales como que xa está todo feito, xa non podemos facer nada máis, que sexa o que Deus queira e todas esas lerias. Falábano ao punto de pasar fronte as portas dun garaxe, cando o antigo candidato, mirando para a pechadura, suxeriu que aínda se podía facer algo e, entre risas e veras, falou de inxectarlle unhas pingas de silicona.

Seica o número dous aínda se animaba a ir a buscala, pero o candidato, home legal e de irreprochables maneiras, negouse en redondo.

Din os que oíron a conversación que, o día seguinte, o candidato achegouse onde o excandidato para recoñecerlle o seu erro de apreciación. Seica o propietario do garaxe en cuestión, un antigo taxista, levaba toda a mañá carrexando votos para Súa Ilustrísima, quen acabou revalidando a súa maioría. 

Parece que o excandidato estaba un tanto resabiado porque a el xa lle tocara lidar co mesmo caso anos atrás.
Contan que, no seu desvirgue electoral, quedou un tanto confundido ao ver como taxistas, e non taxistas, carrexaban aos electores que non dispoñían de vehículo propio para desprazarse a votar. E, por riba, pagados polo concello, xa que se trataba dun servizo público para «facilitar o voto aos nosos maiores», e non tan maiores.

Despois de pasar catro anos na oposición decidiu intentalo unha vez máis. E para este segundo intento contaba cun as na manga: os taxistas ían ou estaban vencellados á súa lista

Empezou a indignarse cando soubo da operativa que, seica, se facía dentro dos coches, como cambios de sobres e outras chafulladas varias.

Que o motivo polo que S.I. estivese roldando sempre a mesa fose controlar os sobres que se introducían na urna, lixeiramente distintos segundo que partido os facilitase, e amedrentar así aos votantes, xa lle pareceu de xulgado de garda. De todas formas, tranquilizou un pouco cando lle contaron que había electores espelidos que metían a papeleta dun partido no sobre do outro para despistar.
Despois de pasar catro anos na oposición decidiu intentalo unha vez máis. E para este segundo intento contaba cun as na manga: os taxistas ían ou estaban vencellados á súa lista.

Nin que dicir ten que os taxistas rurais son persoas con certo ascendente sobre seus clientes, xa que o seu labor non se limita a ser meros condutores, senón que acompañan á xente maior ao médico, axúdanlles a cubrir formularios, pídenlles citas e todas esas cousas que nunha cidade faría un asistente persoal.

Chegado o día das eleccións, dispuxo que os taxistas saísen para as aldeas onde vivían seus clientes de confianza para ofrecerlles levalos a votar á vila, loxicamente de balde. 

E cal foi a sorpresa dos taxistas ao ver como seus clientes, eses que lles prometeran o voto e puxeran a caer dun burro a S.I., lles escapaban! Uns non abriron a porta, outros estaban malos, e os mais puxeron escusas cada cal máis peregrina. O caso foi que, máis tarde, todos eles montaron nos coches que enviou S.I. e todos baixaron a votar á vila.

Tamén observou o candidato como determinadas persoas ían onde S.I. para que vise a papeleta que ía dentro do sobre, antes de depositala na urna. Non fose ser que pensara mal!

O caso, pensou, é que Franco xa morreu hai moitos anos, pero o medo segue a ser libre! Esta é unha historia ficticia, pero podería coincidir perfectamente con moitas realidades do noso país, sexa cal sexa o partido.

Comentarios