Opinión

Cantos somos e a canto tocamos?

O asunto dos trens que non collen polos túneles está dando tema a humoristas, viñetistas e retranqueiros, e provocando moitas risas e chanzas. Mesmo, os máis maliciosos, bótanlles a culpa ás rapazas de Igualdade polo asunto de que sen consentimento non pode haber penetración (do tren no túnel, evidentemente).

A retranqueiro poucos lle gañaban ao meu primeiro director cando, hai xa moitos anos, empecei no negocio da banca. Cada vez que, angustiado eu, lle comunicaba que había un sobrante de caixa, saía do despacho, coa súa parsimonia característica, e dicía: «Cantos somos e a canto tocamos?».

Esa expresión súa debeume quedar gravada nalgún arquivo cerebral porque, moito a teño utilizado! Ben sexa en broma, ou mesmo en serio, cando se fala de diñeiro, e especialmente se ese diñeiro que se amenta é público.

Porque, quitados os hooligans de Carmen Calvo, eses que afirman que o diñeiro público non é de ninguén, todos os demais sabemos que unha parte desta festa ferroviaria imos ter que pagala cos nosos cartiños.

Pouco nos importa que se ‘chimparan’ ás cabezas de turco de rigor, se eles non van pagar un can deses 258 millóns de euros de nada. Empezaron por destituír a dous ou tres técnicos de Renfe e Adif a piques de xubilarse, e como a cousa cantaba moito tiveron que apuntar máis alto.

Probablemente, en poucos meses, tanto a exsecretaria de Estado, como o expresidente de Renfe, estean recolocados en postos similares e cobrando o mesmo. Sirva como mostra o novo presidente de Renfe, cesado en decembro pasado pola ‘cagada’ do Perte da automoción.

O realmente importante, como dicía o meu antigo director, é «a canto tocamos?». Porque a xente non está acostumada a relativizar e prorratear estas cousas. Así, 258 millóns de euros, divididos entre os 47 millóns de habitantes de España, se a calculadora non me falla, dá a cinco euros e medio por cabeza. Vinte e dous euros na miña casa.

Visto así, a ferroviaria non é das festas máis caras. Aínda que tampouco houbo droga e putiferios, que se saiba, como nos Ere de Andalucía, ou nas festas do deputado canario. 

En Lugo, se os xulgados lle acaban por dar a razón ao promotor do famoso Garañón, o Concello pode ter que pagar 26 millóns de euros, co que o pico pónsenos en 260 euros por persoa, ou 1.040 euros na miña familia

Poñéndonos, por exemplo, na cidade de Lugo, se os xulgados lle acaban por dar a razón ao promotor do famoso Garañón, o Concello pode ter que pagar 26 millóns de euros, co que o pico pónsenos en 260 euros por persoa, ou 1.040 euros na miña familia; diñeiro que eu prefería gastar nunha boa mariscada cos colegas.

Aínda unha cousa pequena, como que o noso Concello tivese que indemnizar, con 200.000 euros, ao propietario dun local de copas, que tivo que pechar porque lle deron mal a licencia, pónsenos en dous cafés por barba. 

E, para rematar, non falemos do billón e medio de euros de débeda que ten o Reino de España. Aquí a cousa vaise a 32.000 euros por cabeza, ou 128.000 euros na miña familia. Pero o peor de todo case é saber que un terzo desa débeda xerouna o actual Goberno. Deixemos a cousa así e non falemos de como lle vai afectar a suba dos tipos de xuro. 

O problema non son as festas en si, senón que son moitas e moi seguidas e, como di ese refrán castelán: «Grano no hace granero, pero ayuda al compañero».

Vistas así as cousas, case é mellor non saber nin cantos somos nin a canto tocamos. Para que preocuparnos? Como dicía o antigo xerente dun coñecido restaurante: «Comei e bebei, que estades na casa máis rica de Pedrafita».

Comentarios