Opinión

Canto peor, mellor!


Sendo aínda un rapaz, achegueime un día a visitar a meu tío, do meu mesmo nome, nas oficinas do Iryda, no madrileño Paseo de la Castellana. Lembro que tiña un despacho aparente e unha secretaria taquígrafa á que ditaba cartas. Polo que contaba, unha das súas funcións era redactar decretos e ordes ministeriais que, aprobadas por quen correspondese, acababan publicadas no Boe.

Como tamén tiña que aplicar eses decretos, en certa ocasión tivo unha cuestión de interpretación con outro funcionario. Meu tío tiña un argumento irrefutable para defender a súa postura: o decreto fora redactado por el. Pero o avogado do Estado, que mediou na disputa, botou por terra as súas pretensións. Unha cousa era o que quixera dicir, e outra o que dixo e puxo por escrito. E seica naquela ocasión non coincidían. 

Meu tío que, como seu sobriño do mesmo nome, era un home razoable, achantou e incorporou o caso ao seu repertorio de anécdotas.
Un caso parecido ao de meu tío seica lle acaba de pasar a dona Irene Montero, aínda que, neste caso, polo que din os seus contrincantes políticos, columnistas, boa parte da prensa, e tuiteiros varios, a señora de Iglesias parece que dispara en todas direccións sen querer achantar e recoñecer o seu erro. Pero, que pasaría se non fose realmente un erro? E se todo isto fose postureo? E se o texto aprobado era realmente o que querían aprobar, pero é demasiado ‘heavy’ para recoñecelo ante a cidadanía? Aínda é con selo, hai declaracións, tanto de altos cargos de Igualdade como de membros socialistas do goberno que apuntan nese sentido.

Por que non haberíamos de pensar que non hai tales erros, que as consecuencias das leis estaban previstas de forma deliberada?

Hai un ano, o erro do deputado do PP, Alberto Casero, permitiu ao Goberno convalidar a súa reforma laboral no Congreso. Neste caso, e á vista de como se comportou Pedro Sánchez no banco azul, estou convencido de que tampouco foi un erro. Seguramente algo tiñan pactado os dous partidos maioritarios e esa era a forma de permitirlles aos populares salvar a cara. Se tal foi, aproveito a ocasión para felicitar aos responsables de fisonomía de  Génova 13 pola súa elección de deputado.

Teño pendente de ler o libro de meu colega de especialidade Pascual Gil Gutiérrez, que leva por título ‘Schola delenda est?’, e que xa me recomendou vivamente algún compañeiro. Como digo, aínda non lin o libro, pero si unha longa entrevista co autor, na que se afirma, de forma un tanto radical, que é o propio sistema quen pretende «dinamitar a escola, o valor do saber e a figura do profesor». Que todas estas leis educativas, cada cal máis espuria, non son froito da ignorancia dos nosos políticos que fan caso a pedagogos pedantes que nunca pisaron un aula, senón que obedecen a políticas deliberadas ditadas pola OCDE, responsable en última instancia dos informes Pisa. Políticas que pretenden anticiparse á nova sociedade postindustrial, que vai requirir unha cantidade cada vez menor de man de obra cualificada para os seus procesos produtivos robotizados ou mecanizados.

Tamén é doado prever as consecuencias da flamante ‘lei trans’. Cando empecen a xurdir os problemas, tamén diremos que a sociedade, ou que os funcionarios de prisións, está interpretando mal a lei? Tamén pensaremos que foi un erro?

Por que non haberíamos de pensar que non hai tales erros, que as consecuencias das leis estaban previstas de forma deliberada, e que facer crer o contrario non é máis que unha forma de nadar e gardar a roupa? Despois de todo, xa llo dixo, nun dos seus momentos estrelares de lucidez, ese gran comentarista deportivo, chamado Mariano Rajoy, ao cónxuxe da ministra Montero: «¡Cuanto peor, mejor!», ou era ao revés?

Comentarios