Opinión

Con caldas y a lo loco

Foi durante unha visita a Ourense, unha desas que os políticos fan para ampliar horizontes, cando a alcaldesa de Lugo sentiu envexa das termas da Chavasqueira ao marabillarse «con la posibilidad de tomar baños de asiento sin perder la dignidad», como dicía aquela vella canción que La Trinca dedicara ao barón de Bidet. E non só de asento, senón tamén quentes, medicinais e ao aire libre, cousa que supón moita ledicia para o corpo e reconforta o espírito, sobre todo nos días fríos de inverno e néboa.

Debeu quedar prendada e, cal se preñada estivese, entroulle un antollo. A ver por que Lugo non podía ter unhas termas como as dos ‘afiadores’ ourensáns!

Haber, o que se di haber, realmente xa as hai, e veñen aproveitándose, como pouco, desde tempos dos romanos, pero están agochadas dentro do balneario e, debeu pensar a señora alcaldesa, non locen todo o que deberan.

Corría o ano 2017 cando empezou, como dicía, a especular con obter, de forma artificial, un afloramento de augas termais preto da ponte romana, que é un sitio do máis bucólico para os cálidos baños do brumoso inverno.

O que non tiña en conta a enxeñeira Méndez era que sondar para aflorar augas termais podería implicar quitarllas ao balneario, seu lexítimo titular. Esta circunstancia non lles pasou desapercibida aos propietarios desta empresa hoteleira que, moi elegantemente, tiveron a deferencia de advertilo.

Pero un antollo é un antollo e a señora alcaldesa non podía botarse atrás. Se non hai auga quente, quéntase e santas pascuas! Foi así como botou a andar, paseniño, o proxecto das Caldas do Miño.

O partido da oposición, que para iso cobra, e ben, encheuse de criticar o proxecto argumentando, xa antes da guerra de Ucraína e da inflación, que ían ser caras de raio, e mesmo pouco sostibles, o que parecía entrar en contradición coa tan cacarexada Axenda 2030, esa do pin redondo de múltiples cores, que tanto defenden ambos os dous partidos, sen saber moi ben de que vai.

O caso foi que, seis anos e novecentos vinte mil euros despois, as Caldas do Miño inauguráronse con toda a solemnidade, xusto antes das eleccións, como mandan os canons. E aínda que non sexa inverno, que é cando máis gusto dá, xa podemos ir remollarnos, agás os nenos, en auga a 37 graos e de balde. Os máis agoreiros e pepeiros din que o mantemento váisenos ir a catrocentos mil euros ao ano, o que non desmerece o seu atractivo para visitantes e locais ociosos.

E así estabamos, gozando tan ricamente dos trinta e sete graos, cando aparecen os augafestas de Sanidade da Xunta e din que iso non son termas nin farrapos de gaita. Que se trata dunhas simples piscinas de uso recreativo, que non terapéutico, polo que hai que baixar o termostato a, como moito, a trinta graos. Pois vaia! Agora aínda pasa, que vén o bo tempo, pero no inverno cru xa non vai dar tanto gustirrinín.
O que fixeron os pepeiros da Xunta está moi feo. Realmente foi unha coitelada trapeira, aínda que xa deberiamos estar acostumados a ver como os ‘servidores públicos’ dos distintos partidos se entreteñen boicoteándose entre si, mentres as respectivas afeccións aplauden coas orellas, custe o que custe.

Non se sabe quen sería o espelido funcionario que atopou ese truque legal dos trinta graos pero, en xustiza, debería ser recompensado, polo menos, cun ascenso a xefe de negociado. Supoño que ao que atopou os mexillóns no Miño, que impiden a praia fluvial, xa o terán ascendido hai tempo, aínda que mellor que o manteñan en segredo, por temor a posibles represalias cidadás, xa que o da praia fluvial si que era algo demandado polo lucense corrente para sufocar a calor do verán, e por riba de balde.

E nós, mentres tanto, a seguir preguntándonos, ou non, «cantos somos e a canto tocamos?».

Comentarios