Domingo. 17.12.2017 |
El tiempo
Domingo. 17.12.2017
El tiempo

Saben de que teño ganas?

NON VOU responder coas palabras do bolero composto polo mexicano Víctor Yturbe, alcumado El Pirulí: "De dormir desde este viernes y despertar en domingo". Non. Porque, aínda que sucedese así, o domingo devolveríame á "cuestión palpitante", como titulara a Pardo Bazán unha súa recompilación de artigos na que predominaban os relativos ao Naturalismo, tan cuestionado na España de fins do XIX.

Mais si que teño ganas de espertar unha mañá e constatar que a cuestión palpitante destes días deixa de selo porque, á fin, se abren paso a razón e a cordura. Cadaquén lles porá nome, segundo o seu modo de pensar. Recordemos que, dun ou doutro xeito, veño repetíndomo: a razón non gusta de xantar sempre na mesma casa. Daquela, se cadra cómpre que os habitantes dunha e outra leven a carabela (cesto con comida) á metade do camiño. Talvez haxa unha boa sombra baixo a árbore da paz, cabo da fonte do respecto ás liberdades, sobre o verde céspede da solidariedade.

Calquera fanatismo, en calquera dirección, vén ser salmoira na ferida que doe. Moita xente se asemella máis a cadora aos hooligans dun equipo de fútbol, a considerar inimigos irreconciliábeis aos seareiros da formación rival. A única escola de moitos é xustamente esa.

Mentres, os problemas -duns e doutras, doutros e dunhas-, medran tras da néboa ou da poalla que xera este asunto, mais semella que diminúen de tamaño fronte á ameaza hipertrofiada da escisión.

Teño ganas de apertar un pobo catalán non humillado, de participar, como outras veces, da súa riqueza artística e cultural, de contemplar a liberdade e a xustiza -de e para todas e todos- como motor de calquera cambio.

Benjamin Franklin deixou dito que só un pobo virtuoso é quen de vivir en liberdade. A medida que as nacións se volven corruptas e viciosas, auméntalles a necesidade de amo. Esta afirmación venme á memoria con frecuencia, sobre todo cando oio a tantos pedir man dura, tralla e intolerancia con quen disente.

Teño ganas de que a España Una -participio irregular do verbo unir, non unha, xa que logo- non o sexa a conta da renuncia de certos pobos a seguir existindo como tales, senón á suma de diferenzas asumidas, valoradas e respectadas polo resto dos países do Estado.

Teño ganas de falar doutras cousas, por exemplo de poemas, ceibes estes da tiranía de quen pensan que están inventando a pólvora e que os demais son epígonos (seguidores de xeracións pasadas).

Teño ganas de que non se enarboren as bandeiras en van, usándoas como espadas ou elementos de confrontación.

Teño ganas de que non se atrapen as palabras, as bolboretas dos pensamentos libres, para pinchalas con alfinetes.

Saben de que teño ganas?
Comentarios