Domingo. 17.12.2017 |
El tiempo
Domingo. 17.12.2017
El tiempo

Rimas no mar

HAI TÍTULOS que por si mesmos xa merecerían un premio. Pola boa feitura, pola súa beleza e polo que son quen de inspirar, máis aínda cando ese título é o inicio de toda unha travesía por un poemario tan fermoso coma engaiolante, tan sensíbel como atraente, tan delicado como afouto, e o mellor de todo é que está artellado dende a dignidade que merece todo o que se adica aos cativos no ámbito da escrita.

Poemar o mar amósanos que a poesía tamén pode estar dirixida aos nenos e ás nenas e que é unha desas pontes necesarias para aproximarse á realidade, para vela con outros ollos, con eses ollos que tantas veces se precisan para asexar ó outro lado das cousas e que só a literatura é quen de amosar. Este é un deses libros que un nunca se cansa de ler dende a súa aparente sinxeleza, que en varios momentos elévase sobre o mar como unha gran balea branca convertida en literatura, batendo coa súa cola no mar dun pletórico maxín que, da man de Antonio García Teijeiro, fainos sucar unhas ondas que nos beliscan a pel.

O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil acadado por Poemar o mar é un novo pulo á escrita en galego para rapaces


"Letras con algas/do mar:/palabras molladas,/sen máis". Palabras molladas di o autor, palabras que zumegan rimas salgadas, xogos cunhas palabras que son as grandes protagonistas dun poemario que fai da palabra a vela inchada coa que movernos por esta travesía. Unhas veces as palabras repenican entre si, outras fano arredor do mar, coma peixiños de cores que se moven entre milleiros de azuis baixo un ceo de estrelas que, como cóxegas na noite, pechan un escenario máxico.

Poemar o mar pecha unha triloxía que o autor adica ao mar. En la cuna del mar e Palabras do mar foron a antesala deste poemario, que acadou hai uns días o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a nivel de todo o Estado. Outro recoñecemento ás nosas letras, que teñen no terreo da escrita adicada aos nosos mozos e mozas un dos seus mellores miradoiros. A Antonio García Teijeiro precedérono Paco Martín, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas, nomes que entenden a escrita máis aló dunha actividade íntima porque a estenden a ese mar tantas veces ignoto que é o das lecturas para os máis novos, que tantas veces foi mirado por riba do ombreiro.

Asemade, a súa conxunción coas marabillosas ilustracións de Xan López Domínguez xera un itinerario cheo de illotes nos que perderse, dende os que sentir o mar e todo o que o rodea bater na nosa faciana. Animais, ventos, sons, cores, mitoloxías... todo iso convértese nunha invitación para o goce do lector, que pode entender este texto como unha boia na que suxeitarse ante tantas incertezas. A poesía, unha vez máis, poñéndose fronte a nós como un seguro de vida. Dicía Rafael Alberti, do que tanto hai neste libro, que el adicábase a "pintar as palabras". Antonio García Teijeiro, ademais de pintalas con todos os seus significados, tamén as pinta dunha lingua galega que, como poucas, serve para acariñar o mar cunha paleta de sentimentos e relacións entre a palabra e cadansúa imaxe e, por iso, acadar este galardón é un enorme pulo ao emprego da nosa lingua para traducir o mundo a pequenos e maiores, un premio concedido a un libro que xa foi editado hai máis dun ano por Xerais e que agora regresa á praia como unha botella chea de mensaxes no seu interior. Mensaxes que converten o mar en palabras pintadas, en silencios nos que perdernos no mar.

Rimas no mar
Comentarios