Opinión

Que horas son, meu corazón?

Cando remata Operación Triunfo, un suposto programa familiar na tele pública, nenos e adultos deberían levar tres horas de sono

A MIÑA FIN de semana favorita do ano é, desde que teño uso de razón, esta que se nos vén, a do cambio de hora de outono. Na idade de rapinar cinco minutos máis no toque de queda os sábados de kalimotxo e máscara emborranchada, sabíache porque saías pola vella —e ben cedo, ás cinco da tarde diante do Simago— e volvías pola nova. Unha hora extra de Platero y Tú, de tabaco que che apetrena a roupa e o pelo. Sesenta minutos completos de agasallo para recrearte na agonía semanal de ver e non ser vista. "Jo, tía, ti cres que lle gusto?". Ai, os dezaseis anos e as preguntas retóricas.

Co tempo, simplemente agradeces que che devolvan a hora de sono que che roubaron no mes de abril e salivas ante unha perspectiva horizontal. 'Cucharita', almofada e edredón nórdico. Ou manta zamorana, que ten que haber de todo. Porque, amigas, algunhas non somos quen de arrepoñernos aos estragos do horario de verán ata que o Samaín peta nas nosas portas, as tollemerendas se abren paso, vitoriosas, entre os ourizos e regresamos ao GTM+1.

Jorge Mira, amais de medir a temperatura do inferno e calcular que a lingua galega non ha desaparecer tan axiña (a Física semella unha ciencia máis optimista cá Sociolingüística), é dos que pensa que iso de que as galegas vaiamos dúas horas por diante do sol no tempo do horario de verán non é un problema. Usos fronte a fusos, disque. O costume de gozar do sol no serán e todas esas mandangas que nos contan para que sintamos un chisco menos de dó de nós mesmas. "É que os escandinavos...". "O que ti digas, muller. Moi ben todo iso da conciliación, que dupliquen o noso salario mínimo interprofesional, pero non ves que son uns tristes? Nin 'veranuqui' nin 'playuqui' nin 'terrazuqui', os pobres".

Os suecos serán uns tristes, pero van pola vida ben mellor durmidos



Velaí os argumentos, señoras.

Albergo a lixeira sospeita de que quen se dedica a elaborar os estudos sobre os horarios e como nos afectan aos mamíferos bípedos son xentes do mundo académico que teñen ben resoltas circunstancias coas que batallan os demais mortais, con quendas de traballo partidas completamente insostibles, e que pencan sábados, domingos e demais días de gardar.

Sinalan os informes que elaboran as facultades de Ade e as marcas de colchóns que os españois son os europeos que menos dormen. E madia leva. O luns déronme as dez, as once, as doce e a unha diante da televisión na reestrea de Operación Triunfo. Outro día falaremos de canto deberían ver en TVE Luar para afinar a realización de galas musicais, que mira que están desafeitos, pero desta vez pregúntome: en que pensan os directivos dunha televisión pública cando deciden programar ás tantas un espazo de entretemento supostamente pensado para toda a familia se nenos e adultos teñen que se erguer ás sete da mañá ao día seguinte?

Porque, eles (os septentrionais) xa levan a dixestión da cea feita e o pixama posto mentres nós seguimos na oficina —e vai sol fóra, que non se nos esqueza—, pero resulta que nós madrugamos tanto como en Mitteleuropa e 'hijuelas'.

Malia que TVE acaba de anunciar que adía 35 minutos máis o inicio da emisión de Operación triunfo, eu vivo con esperanzas. Os suecos, que serán uns tristes pero andan pola vida ben mellor durmidos ca nós, veñen de concederlles o Nobel de Medicina aos descubridores dos ritmos circadianos, os reloxos biológicos de verdade e non os que nos mentan ás señoras cando nos achegamos aos corenta. Que sexa para ben.

Comentarios