Opinión

A Pepe de Forgas

NA MONTAÑA da Pobra do Brollón hai un paraíso chamado Forgas, un lugar único porque así o fan as súas xentes. Dende pequena, para min Forgas sempre foi especial. Porque alí estaban Pepe, Álvaro, Gloria, Pepiño e Rosa, porque subir a Forgas nas noites de inverno era ir ao encontro da calor do fogar, das conversas a carón do lume mentres as castañas se asaban lentamente no tambor e Álvaro e Pepe entoaban algún dos seus brindos, aglutinando nas súas voces todo o saber da tradición.

"Xa logo veñen as castañas; temos que ir a Forgas facer un magosto", dicía o Pepe cando se acercaba a época. Podería haber mellor plan no mundo? Calquera que estivera algunha vez naquela casa sabe o que significa a hospitalidade. Porque os sitios fanos as persoas e Pepe, coma toda a súa familia, tiña un halo de bondade.

Sempre coa boina na cabeza, un sorriso na cara, unha palabra amable na boca e no bico un cantar. Nunca o vin enfadado nin cun mal xesto. Seguramente porque estaba feito dunha pasta que xa non se fabrica: a que moldea os grandes homes, bos e xenerosos.

O domingo despedímolo como a el lle gustaría. Coa música de Xosé Lois Foxo interpretando o Himno do Antigo Reino de Galicia e co cariño de cantos tivemos a honra de coñecelo. Foise Pepe de Forgas, o último brindeiro da Pobra, e con el un pedazo da nosa historia. Pero o seu legado permanece e, para todos os que o queremos, sempre estará con nós o home do sorriso perenne e o corazón desbordante.

Comentarios