Lunes. 22.04.2019 |
El tiempo
Lunes. 22.04.2019
El tiempo

Pablo marcha a Arabia Saudí

A compañía pontevedresa Pablo Méndez Performances actúa esta fin de semana en Riad

Xa estivo en Las Vegas, Miami, Bulgaria, Romanía, Suíza, Chipre e Turquía. Hoxe e mañá, a compañía de Pablo Méndez (As Neves, 1979) amplía a súa experiencia internacional. Faino actuando ao longo de toda a fin de semana en Riad, a capital de Arabia Saudí. Arredor de 30 artistas están involucrados no que será a montaxe de Pablo Méndez Performances na festividade nacional dese país.

"Ao traballar como o facemos nós, en distintos países do mundo, os programadores acaban por coñecerte", conta Pablo Méndez. "Esa proxección internacional foi a que probablemente levou aos promotores que traballan en Arabia Saudí a contactar con nós". 

"A min o que de verdade me emociona, se son sincero, é actuar en Pontevedra"

"O maior reto ao que te enfrontas é chegar a facer realidade o que tes na cabeza"

Alí está agora mesmo todo o equipo de Pablo Méndez para realizar varias das súas propostas de rúa. "A maioría xa se puideron ver en Pontevedra: en Itineranta, na Batalla de Flores, na Feira Franca...". Son shows con monicreques xigantes e outros con iluminatronics, "que facemos cuns traxes de vídeo únicos en España", mesturados con propostas circenses, entre outras cousas.

Músico vocacional ("toco o saxo"), Pablo Méndez comezou no mundo do espectáculo con 14 anos. "Primeiro na Banda de Música de Rubiós, que é de onde eu son, e despois en distintas orquestras galegas". Foi aí onde deu o salto cara a propostas escénicas. "Traballei en discotecas, empecei a organizar eventos...". Finalmente decantouse pola montaxe de espectáculos. Canto máis impactantes, mellor. "Hai doce anos decidín afincarme en Pontevedra". Foi aí onde a compañía comezou a medrar. "Empezamos nun local pequeniño en Álvaro Cunqueiro e fomos mudándonos ata rematar nunha nave de Montecelo. Primeiro era eu só e agora somos un grupo dunhas 40 persoas aproximadamente, a maior parte freelance", explica. "Cada vez os espectáculos foron máis grandes, máis voluminosos, máis custosos... Ata hoxe", conta. "En realidade, o meu caso non é outra cousa que o dunha evolución empresarial e artística".

As características dos seus shows levárono a ser contratado por institucións públicas, pero tamén por artistas particulares. Como Juan Magán, ao que acompañou na súa xira internacional. "A verdade é que non paramos, afortunadamente. A fin de semana pasada realizamos cinco eventos en distintos puntos de España. Esta, estamos en Riad. E cando volvamos poñeremos rumbo a Andalucía e a Suíza", conta o artista e empresario. "Pero, se son totalmente sincero, a min o que de verdade me emociona é actuar en Pontevedra". Entre xuño e agosto, Pablo Méndez Performances, que manexa un catálogo de espectáculos de máis de 80 páxinas, realizou 72 actuacións. "O maior reto ao que te enfrontas é chegar a facer realidade o que tes na cabeza", conclúe. "Se hai unha clave no noso traballo é esa".

Pablo marcha a Arabia Saudí
Comentarios