Opinión

Os enganos de Besteiro

CANDO UN cae na súa propia trampa e ademais o fai de forma pública o ridículo é maiúsculo. A mentira e o engano non son nunca bos compañeiros de viaxe, tampouco en política. Isto é o que lle sucedeu a José Ramón Gómez Besteiro na Deputación de Lugo.

Xogou con lume durante a campaña electoral e tamén tralas eleccións e, finalmente, as cinzas das cacharelas do San Xoán acabaron queimándoo. Besteiro tivo que presenciar en persoa a perda do seu propio feudo, o que utilizara durante oito anos en beneficio propio para catapultar a súa figura á escena autonómica.

Os cambalaches postelectorais que, tanto o señor Besteiro en Galicia como Pedro Sánchez en toda España, están levando a cabo para arrebatarlle o poder ao PP, non sempre saen ben. Afortunadamente a lóxica, ás veces, devolve a razón ao xusto vencedor.

Afortunadamente, oito anos despois, a Deputación lucense volve a estar gobernada polo partido que gañou as eleccións

Besteiro puxo en bandexa a cabeza de Orozco no concello de Lugo aos seus inseparables socios nacionalistas e repetiu a xogada coa de González Santín. Pretendía facer o mesmo coa de Manuel Martínez, pero Martínez xa advertira que non lle farían ‘un Orozco’. Moitos cualifícano estes días de traidor e outros, os que apoian a súa decisión, creen que é mellor ser desleal pero digno.

A realidade é que o señor Besteiro é o único responsable do sucedido no Organismo Autonómico. Un terremoto que traspasou as murallas e que deixa en entredito o seu liderado no partido. Os seus pactos (apoiados por Ferraz) son tan incongruentes coma arriscados. En política, igual que na vida, camiñar pisando aos teus compañeiros pode volverse na túa contra, xa que algúns sacan forzas no último momento para vingarse.

Ao señor Besteiro é a súa propia xestión a que o sitúa nunha situación límite. No seu partido son xa máis os que o cuestionan ca os que o apoian. Quedou debilitado na súa propia casa e perdeu autoridade a nivel autonómico.

Afortunadamente, oito anos despois, a Deputación lucense volve a estar gobernada polo partido que gañou as eleccións. A súa nova presidenta, Elena Candia, á que felicito tamén desde aquí, gobernará para todos. Lugo terá unha Deputación diferente, que non marxine aos concellos en función da súa cor política, como facía o señor Besteiro. A partir de agora primarán os intereses dos cidadáns e non as súas ideas políticas.

Comentarios