Opinión

O lume cíclico

BÁGOAS, MANS na cabeza, laios, lapas, terra queimada, cheiro a fume, desolación, traxedia... Unha vez máis a catarse cíclica que asola a esta terra volveu a facer do domingo un día dramático en Galicia. E non só polas desoladoras consecuencias que tinxiron de negro a terra e a alma de todos nós, senón tamén por evidenciar como seguimos en permanente estado de desprotección ante unha banda de criminais, de xente que non merece vivir entre nós.

Eles son os principais causantes desta podremia, a noxenta man que é quen de poñer lume onde hai vida e vidas. Pero se isto xa o temos claro dende hai moito tempo, xunto con que existe unha mafia que algún tipo de proveito tira destas accións que van máis alá de ser obra dun demente ou do tonto do pobo, o que cumpre dunha vez é coñecer se está todo posto enrriba da mesa para tentar saber o que de verdade hai tras esas organizacións, ou porque non se desmantela ningunha delas, máis alá das detencións de catro vellos cun chisqueiro.

Onte escoitabase falar dende a Administración Pública de terrorismo, de seca, de vento, ata de Portugal... como axentes que coincidiron nesta ocasión. Ata Portugal, meu Deus!, pero non se dixo nada das condicións en que se atopa o noso monte, do seu abandono, da falla dunha política que tente a súa mantenza ordeada, da masiva eucaliptización dun territorio sementado de teas e do negocio que o rodea. Pedimos axuda ao exterior, reclamamos a chegada de medios, pero eses medios terían que estar presentes na nosa comunidade de xeito permanente, máis aínda sabendo da situación que vivimos sen chuvia dende hai semanas, nunha situación de alerta que debería ter un sistema de previsión ante a catástrofe. Non é a primeira vez que acontece... volverá a pasar.

Horas críticas en Galicia con vías de comunicación pechadas, sen alternativas, xente en túneles que non saben por onde ir. Unha tarde como esta nun xornal é un pesadelo, por un lado polo que estás vendo e ata olendo, cando chegan os teu compañeiros das zonas queimadas con ese cheiro pegado a eles que un recorda daquel 2006 que se empeñan en non deixarnos esquecer. Cinzas no chan da redacción como as que estiveron caendo ao longo de todo o día sobre o centro de Pontevedra; pero tamén un pesadelo pola necesidade de coñecer o que acontece e para darlle á poboación información na crecente confusión. Un pensa que estes momentos son nos que se precisa dunha canle pública, pero alí tamén todo está arrasado. Luar, Land Rober e fútbol na G2, así toda a tarde, como se estivese posto o piloto automático. A Galicia paralela, a Galicia para lelos. A Radio Galega non renuncia ao Galicia en goles, informacións puntuais ata as oito da tarde que é cando comeza unha programación especial pero que hora e media despois regresa ao confortábel fútbol, e alí segue cando sae a nova máis tráxica, a dos primeiros mortos. Lamentábel, ata distópico. Supoño que ao longo da semana esixiranse dimisións no Parlamento de Galicia. Un país non pode ter uns medios públicos que ignoren o que acontece no seu territorio e máis ante unha situación de extrema gravidade.

O sur da provincia de Pontevedra desolado e a impotencia de ver como se repiten estes feitos unha vez máis, tamén como, abofé, durante unhas semanas entraremos nas noxentas liortas entre os partidos políticos e como dende a Administración dirase unha e outra vez que se fixo todo o que estaba nas súas mans fronte á puntual confluencia das circunstancias e que hai cousas que non se poden controlar. Pero do que nunca falan é das que si se poden controlar, así como da necesidade dun pacto conxunto de tódalas forzas sobre unha cuestión que debería ter un pulo común. Si, xa sei que son un iluso. Que penso cun país ten que estar por riba das siglas e dos seus gobernantes, pero cando un contempla o que pasou onte volve a sentir que o que hai que priorizar non son os lamentos, nin tan sequera a extinción, e si a prevención, isto é, priorizar un país.

Comentarios