Domingo. 19.11.2017 |
El tiempo
Domingo. 19.11.2017
El tiempo

Non, non e non

"NON" É unha das palabras que menos me gustan, mais por veces é ben necesaria e mesmo hai que repetila reiteradamente para que todo fique claro.

Xamais nomeei ningún partido nesta colaboración semanal. Falo libremente porque nunca me fixeron ningunha advertencia nin me indicaron como ou de que debo escribir. Porén, quen me coñeza fóra destas páxinas, pode saber por onde respiro. Eu non me avergoño nin do meu credo relixioso, nin do meu credo político. En todo caso, nunca serei fanática de nada nin de ninguén. Ou si: dos seres humanos e das súas liberdades, sempre que eles respecten as dos demais.

Sempre que respecten as dos demais, porque nada me produce máis medo e rexeitamento que as persoas que falan desde certezas absolutas, sen sospeitar sequera que poden ser tan lexítimos e veraces, coma os seus, outros puntos de vista.

Nun artigo do ano pasado, referíame ao incumprimento da Lei da Memoria histórica nunha vila luguesa que mantén no seu rueiro os nomes de José Antonio e Calvo Sotelo. Alguén, na edición dixital, replicábame que ao primeiro o mataran os meus e que o segundo morrera antes da guerra e, daquela, nada tiña que ver no asunto. Eu non adoito responder aos comentarios, mais creo recordar que alguén o fixo por min, cousa que agradezo.

Os meus, os verdadeiramente meus, son os que non verterían máis sangue que o propio polas súas ideas. Os meus non existían baixo as siglas que nos reúnen cando a infausta guerra do 36. O BNG naceu hai 35 anos.

Recordo isto porque, na data en que estou a escribir, El Progreso dá a noticia de que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a retirada de todos os símbolos franquistas das igrexas.

Como queira que isto respondeu a unha iniciativa do BNG, xa apareceu alguén comentando que «En muchas fachadas están los nombres de los que dieron su vida para que los que piensan como el BNG y afines no quemaran las iglesias».

Pois non, non e non. Dicir iso, é calumniar porque, á marxe do que pense cada un dos seus afiliados, o BNG como organización é sumamente respectuosa coas crenzas de cadaquén.

Alexandre Bóveda, por exemplo, que sen dúbida foi «uno de esos que piensan como el BNG y afines», comungaba todos os días e endexamais se meteu coa Igrexa. Si se meteu, como alto funcionario de Facenda, con algunha marquesa que non quería pagar os impostos que lle correspondían pola súa inmensa fortuna.

Quen busque a verdade, non pode ser fanático e debe recoñecer o ben e o mal alí onde se atopen, desde logo que non sempre na mesma parte.

Onte, nunha terraza, oín dicir: «Franco hizo una cosa mal: dejar vivos a sus enemigos». Si, nacen cada día, mais el segue respirando noutros.

Non, non e non
Comentarios