sábado. 22.01.2022 |
El tiempo
sábado. 22.01.2022
El tiempo

Nomófobos, nomófobas e outras secuelas

COMO SE trata dun neoloxismo, talvez conveña aclarar o significado do termo, aínda que a maioría xa o coñecerá. Por iso non o confundirán cunha profesión, como lle pasou a aquela actriz reconvertida en presentadora, cun rapaz que lle dixo por telefono que era tetrapléxico.

Claro que, neste caso, o sufixo grego xa indica que é o padecemento dunha fobia, é dicir, pánico a algo. Ás moitas e variadas que xa existían, inspiradoras algunhas de moi bos relatos de Enma Pedreira, veuse sumar esta, filla dos tempos e a tecnoloxía. A nomofobia é o pánico a quedar sen teléfono móbil. Seica vén de "no-mobile-phone phobia". E non é só un medo insuperábel a perder o tal aparello ou a que se avaríe, senón a esquecelo na casa, quedar sen batería ou non ter cobertura.

Aquela vella e estúpida pregunta ("A quen queres máis, a papá ou a mamá?") habería que substituíla por estoutra: "A quen queres máis, a papá e a mamá ou ao móbil? En realidade xa se fixo e foron moitos os e as adolescentes que confesaron querer máis ao seu smartphone. Non é, xa que logo, difícil entender o desamparo que os posúe ao romper ese novo cordón umbilical que os une a tantas verdades como mentiras, a tantos perigos como seguridades.

Porque é certo que tranquiliza ter sempre a posibilidade de se comunicar, mais causa desazo comprobar como polo mesmo camiño veñen e van trampas, ameazas e mentiras.

E non é cousa de sinalar unicamente a xente nova. O mesmo problema poden ter executivos, por exemplo, con medo a perder oportunidades de negocio e outros adultos coa obsesión de controlar en todo momento aos fillos, á parella ou a quen sexa. Non só iso: comunican a súa teima ás persoas polas que se din preocupar de cote, de xeito que estas adoitan acabar coa mesma patoloxía. E xa non digamos a escravitude de ter que estar sempre localizábel polo xefe ou xefa inmediatos.

Outra secuela ou consecuencia é a impunidade con que se empregan nomes de persoas facéndolles dicir o que nunca dixeron. O Papa Francisco, García Márquez, Claudio Coelho, Forges ou Pérez Reverte, son algúns dos suplantados no WhatsApp, na internet, ou en ambos.

Quen isto escribe non é allea a estes calotes. Teño reenviado textos sen comprobar previamente a verdade da autoría. Coido que non o volverei facer porque quedei abondo escarmentada. Porén, unha vez na órbita da galaxia dixital, seguirán circulando durante moitos anos mentres non apareza o método de purgala -á galaxia- para que non siga a ter o mesmo valor a verdade que a mentira.

Non podemos prescindir desta tecnoloxía, mais cómpre regulala e regulármonos para que non nos escravice.

Nomófobos, nomófobas e outras secuelas
Comentarios