Opinión

Meteoros inxustos

A IMPREVISIBLE ruta dos furacáns imparte leccións apresuradas de xeografía dos recunchos invivibles do mapa. Así aprendimos onde queda a illa Dominica, Barbados, o arquipélago de Guadalupe, Puerto Rico, agora tan pobre. Polo camiño van atopando aos veciños habituais onde chove a Deus dar e ventean todos os ventos: a República Dominicana e Haití. E despois Cuba. Moi ao final queda Texas ou a Florida de EE UU con medios, tempo e espazos abondos para fuxir, iso si, pagando a taxa da cobiza dos donos dos avións.

As categorías catro e cinco dos furacáns resérvanse para estas pequenas illas do fin do mundo. Din que algunhas delas son paraísos turísticos nas postais e paraísos fiscais para os cartos máis sucios e evanescentes. Aos dólares, iens e euros xamais lles alcanzan meteoros climáticos e treboadas fiscais.

Golpe a golpe este foi ano de devastación polo inusitado número, concorrencia e violencia dos furacáns. Tanta destrución, mortes e ruina económica fai que todo o mundo, excepto un tal Trump, asocie a desfeita co cambio climático, froito da acción humana.

Ao catastrofismo ianqui encántalle o ollo do furacán, ventos por riba dos 200 q/h, o diluvio universal, as maruxías ciclónicas, ese semáforo que parpadea colgado de arames, o reporteiro pailán que afoga, as pugnaces palmeiras.

Ao final, alguén contará os mortos sen rostro, sen nome. Non estarán todos. E os desaparecidos que xamais aparecerán, a quen lle importan?

Chega o furacán María, despois de Irma, despois do Xosé, para nos recordar que por esta época nacen e morren os furacáns no caldo morno do Atlántico. Só que este ano xuntáronse nas mesmas datas. Chovendo sobre mollado. Destruíndo un pouquiño máis a destrución cunha violencia que vai a máis para alarmar o xusto a este lado das pantallas.

Aquí andamos entretidos cos nosos xogos de tronos sen que ningunha escala Saffir-Simpson sexa capaz de medir a torpeza de políticos minúsculos e tribais que miran o embigo para non ver o verdadeiro rostro dos problemas da xente.

Todo vai tan rápido que perdemos a perspectiva da familia humana, a dimensión do planeta compartido e tan parcelado polas secesións dos ricos, feroces defensores do seu estado de benestar.

A seis mil millóns de quilómetros a nave Voyager I, a altura de Plutón, obedeceu ordes de radio e enfocou co ollo da cámara a Terra, un pequeno punto de azul pálido dun só bit de luz. Unha faragulla de po cósmico, a única casa que temos. Por iso resulta curioso que a especie máis dotada de intelixencia dedique tanto entusiasmo a parcelar o planeta, a destruír os ecosistemas, a envelenar con gases a atmósfera ata que o clima tolea espertando a furia dos furacáns. Destrúen a destrución, afogan aos afogados e matan aos mortos. Así de inxustos somos cos meteoros.

Comentarios