Domingo. 17.12.2017 |
El tiempo
Domingo. 17.12.2017
El tiempo

Dubidas crecentes ou certezas

MONTAIGNE, O pensador francés do século XVI, referíase á dúbida como un bo cabezal para (pousar) a mente ben equilibrada. No ronsel do seu compatriota Pedro Abelardo (1079-1142), teólogo, filósofo, goliardo e célebre amador de Eloísa, quen afirmaba que a dúbida leva á análise e a análise á verdade. Afastado -só no tempo- de Aristóteles (século IV a. de C.) que definía a dúbida como o principio da sabedoría. Poderiamos seguir até o infinito con citas de autoridade, por exemplo Rosalía, para establecer a relación directa entre o coñecemento e a dúbida.

Por iso me dan moito medo as persoas monolíticas, dunha única peza de pedra, que non mudan a postura nin o xesto, convencidas de estar na posesión da verdade única e inmutábel. Ao contrario chámanlle relativismo.

Sei que existe a verdade obxectiva, mais segundo en que cousas. Que as interpretacións dos feitos, aínda tratándose dos mesmos, depende do punto de vista, aprendino sentada no meu auto, porque me sucede que a miúdo identifico como dous diferentes un só punto da estrada, dependendo da dirección en que circule.

Por iso a empatía, a capacidade de sentir o que senten os outros, ten moito a ver co saudábel costume de se poñer no lugar dos que pensan diferente.

Imaxinen que somos un can -ben sei que é difícil e, se cadra, impertinente o que lles pido-, mais preciso deste exemplo polo que, xa de antemán, me desculpo.

Nós, ese Señor Can amarrado cunha longa cadea, exploramos o campo até onde nolo permite o muro da propiedade que custodiamos. Porén, o amo, pola razón que sexa, vainos cortando elos até non nos permitir alcanzar os obxectivos que a nosa vista alcanza. É daquela cando nos decataremos de que estamos presos e faremos o que sexa por liberármonos da cadea.

Pero non, non é posíbel poñernos no lugar do can pola simple razón de que nunca fomos can. Ou si?

Dialogar talvez sexa dubidar en compañía. As certezas absolutas dos interlocutores e interlocutoras deveñen nun baile en que ninguén se move, é dicir, un non-baile.

Dubidar non é o caos nin a anarquía. Se non resultase pedante, diría que ten moito de deconstrución, esa nova estratexia que Derrida recuperou para ler un texto. Os pobos e a súa historia tamén son un texto e, se cadra, as palabras xa non responden ás cousas que queren denominar.

Seica van facer unha nova Constitución. Serán os mesmos cans con distintos colares? Nacionalismo seguirá significando para os redactores da Carta Magna 'insolidariedade'? (Podemos chamar insolidarios aos que acollen?). E se nacionalismo quere dicir máis ben supervivencia como pobo?

Dubidas crecentes ou certezas
Comentarios