Opinión

Ánxela e as palabras que saben a pan

HAI PRETO de dous anos que descubrín a existencia do libro Paisaxes de pan (Edicións Bourel, Ribeira, 2013), da lucense Ánxela Rodríguez Rodríguez, precisamente cando estaba levando a cabo un proxecto interdisciplinar coas miñas alumnas e alumnos cervantegos arredor do pan nos Ancares. Un título, máis que suxestivo, para un libro que tardaría en ler por estar esgotado nas librarías, xa que o magnífico traballo de elaboración artesanal de Bourel tivo unha edición limitada. Hai poucos días que, da man da súa autora, tiven a oportunidade de saborear ese "pan de centeo acabado de cocer" do que será unha segunda edición, corrixida e aumentada, que terá unha maior tiraxe, grazas ao selo do Pen Galicia, e que contará cun prólogo do seu ex profesor, Xesús Alonso Montero. Os meus parabéns, pois, para a autora que pasou a rebautizarse Ánxela Gracián cando publicou o seu primeiro libro como homenaxe ao vilar de nove casas de granito pertencente á parroquia de San Paio de Arcos de Castroverde, a súa matria. Ela foi capaz de transportarme co seu poemario ás vivencias máis primarias da miña infancia no meu vilar de nove casas chamado Guimarás do Corgo, alí onde o meu rego Mazandán aspira inutilmente a converterse nun río grande coma o seu Chamoso.

Ánxela Gracián traballa para a Xunta como tradutora do Diario Oficial de Galiza pero é coñecida pola súa faceta de tradutora de textos literarios, así como escritora e crítica literaria. A súa dedicación á literatura infantil e xuvenil, encetada no 1998 co libro Cos petos cheos de cinza (Everest), non lle privou de publicar un libro de poemas tan íntimo como o de Paisaxes de pan, no que compilou traballos escritos dende o 2008 e inspirados pola obra plástica do fotógrafo chairego e profesor no CPI de Castroverde, Daniel Díaz Trigo. O libro está dedicado ao recoñecemento de todas as mulleres do rural, pero especialmente "ás fiadoras das brañas de Liñar Longo, ás espigadoras dos trigais da Retorta, ás apañadoras de centeo das Míllaras, ás campesiñas da casa de Guillermo", a súa casa patrucial de Gracián. Mulleres bravas que sostiveron de xeito silandeiro todo o que somos hoxe e que tecían historias mentres amasaban e agardaban pacientemente a que levedara a masa do pan.

Unha volta á infancia organizada en dous libros. O primeiro, no que a Avoa Anuncia nos dá a benvida para lembrarnos o importante pero fráxil valor do patrimonio transmitido oralmente, alí onde Ánxela tivo as primeiras aulas de literatura. Nel aparecen tamén outros familiares como o avó, o pai ou os tíos nun libro onde a infancia de Ánxela está representada pola escola, os xogos e esa casa de granito familiar que representa o inicio e o final de todo. Nos corenta e seis poemas do libro primeiro son protagonistas elementos tan primarios coma o lume, o pan de centeo, a auga da fonte das Ninfelas ou a pedra de gra das casas, pero tamén elementos xeográficos próximos á autora coma o monte de Bidueiros, o río Chamoso ou o Penedo Redondo do Chouso do Monte.

O libro segundo é unha escolma de corenta e cinco poemas cheos dun misticismo antigo e priscilianista. Un libro cheo de medos infantís, concentrados no faiado da súa casa, e de seres mitolóxicos da infancia coma o Home do Saco ou a Muller da Gadaña, transmitidos polo avó Guillermo. Versos nos que a morte e a saudade por un tempo que foi e un lugar que mudou implican sentimentalmente a calquera galego ou galega de interior nado ou nada na segunda metade do século XX. Un libro que desexo reler en papel para acariñar coas miñas mans esa patria infantil rilkeana mentres chega a min o recendo a pan fresco saído do forno da casa de Otero de Guimarás.

Comentarios