Opinión

A forza da amizade

Suso Fernández. ARCHIVO
photo_camera Suso Fernández. ARCHIVO

D. Jesús Fernández López, SUSO DO BAHÍA, xa descansa mentres viaxa, camiño da eternidade. De pouco nos consola pensar que foi un acto natural, forzado pola idade e as circunstancias. Ben quixera eu ser capaz de describir en poucas palabras esta amarga emoción que asfixia o meu corazón envolto nun mar de bágoas!

Agora só nos queda a esperanza de que saibamos coidar da bandeira comprometida coa vila de Foz e con toda a Mariña tal como el a ergueu ante o mundo, loitando para que a cultura da nosa terra deixara de andar á deriva. Suso foi e ten que ser o mestre do cal nos queda moito por aprender. El sabía que as areas solitarias non fan praia por iso nos convidaba a tender as mans día a día se queremos tecer a nosa historia colectiva.

As augas do mar de Foz, do mar verde de Cunqueiro, ensináronlle a Suso a falar de fronte, sen dengues e sen medo, a non escoller coa pluma o peixe grande do pequeno, aínda que xa supoñía que a súa forma de ser sinceiro, o seu escribir sen doces afagos, capaz de baixar do ceo aos que cometeron pecados, por veces lle traería pasar as forcas caudinas entre amargos agasallos, telarañas esquecidas polas moitas mostras de afecto, parabéns e boa estima que sempre animarán a Suso para que dende a eternidade a todos nos escriba.

Suso Fernández, o noso patriarca. E digo noso porque a autoridade moral de Suso, tal fose unha pombiña mensaxeira, sobrepasa os límites do seu Foz natal, voando por riba das fronteiras, tendendo sempre a súa man ata convertirse en bandeira, en bandeira universal que retorna ás súas ribeiras ateigada das sementes da cultura, do progreso e da paz, soños de Suso para compartir coas súas xentes, coa súa terra e co seu mar.

Os abundantes froitos de máis de cincuenta anos de exercicio literario, a memoria escrita de Foz e da Mariña, o pensar, o sentir e o dicir deste ilustre focego recoñecido como cronista no ano 2001 non podían seguir esparexidos no tempo en revistas, folletos ou xornais, por iso voltaron como fillos agradecidos aos brazos de seu pai que nunha aperta de agarimo compuxo con eles varios libros, “Miscelánea focense” no 2005 ou “Cartafol de Foz no 2011, tesouros que sirven de exemplo da homenaxe que Suso fai a visitantes e veciños comezando por seus pais, María López Becerra e José Antonio Fernández con todos os seus irmáns, ben no ceo ou ben na terra, orgullosos todos da grande historia familiar. Tras deles, sen máis protocolo que a mesma historia vai degrañando cos seus aconteceres atoparemos benfeitores para institucións de beneficiencia e para a ensinanza de incalculable valor social, músicos e poetas namorados do mar de Foz, amigos de todas partes que grazas a Suso e á Sala Bahía expresaron con arte os sentimentos do seu corazón, igual que o facían as cuadrillas de mariñeiros que noutros tempos enchían as tabernas de románticas cancións.

Quen non se lembra dos portos irmáns de Bermeo, de Motrico, de Ondarroa? E de Laredo? Dos asteleiros dos Nécega que daquela botou o pesqueiro de madeira máis grande do mundo? Ou do Hércules de Foz? Do fútbol no Campo de Ramos, das peixeiras, ou do Xico o anxo do mar? E de moitos máis...

Focegos, mariñáns, mindonienses, galegos, españois ou estranxeiros todos unidos pola forza da amizade de Suso de Foz, navegan erguendo a bandeira do amor a esta terra mariñá e focega. Grazas,Suso. Contigo aprendemos que xuntos podemos soñar e xuntos, cunha soa voz, seguiremos diciendo eternamente: Viva Suso de Foz!

Comentarios