jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Un vieiro franco e grande

Eu sei moi ben que dende sempre levo
algún curruncho meu
sen espertar aínda,
esquecido ou pechado alá nalgures.
(Xosé Luís Franco Grande. Entre o si e o non)

Nestes días de confinamento nos que só podemos sacar a pasear a imaxinación, as lembranzas, os afectos e as palabras -que non é pouco-, eu, coma Jorge Manrique, deixo a invocación aos grandes poetas e narradores, deixo tamén a invocación aos académicos de número e aos números todos, e ás estatísticas... -cada unha das persoas que falecen son moito máis ca un número-, sexa por causa dese becho ruín que chaman Covid-19, sexa por outras causas; deixo, insisto, a invocación aos intelectuais todos -homes ou mulleres-, aos galeguistas comprometidos, aos ensaístas, aos tradutores, aos xuristas, aos editores, aos dramaturgos, aos pensadores... para me centrar tan só nun deles, nado en Tebra e fillo predilecto de Tomiño, que foi todo iso á vez. Refírome a Xosé Luís Franco Grande, que onte se foi definitivamente. Deixounos coa máxima discreción, na biqueira dos pés e lixeiro de equipaxe, sen facer ruído. Quizais este home, grande tamén en humildade, quixese pasar desapercibido no medio doutros moitos dramas anónimos, non menos dolorosos e importantes para quen os sufre. Porén, non lle vai ser doado -por moito que as exaltacións o arrubiasen- fuxir das homenaxes de gratitude que os galegos e galegas lle renderemos dun xeito ou doutro.

Xosé Luís Franco Grande foi unha sorte de viaduto que, coma quen nos trae auga de manancial, se ocupou de nos comunicar con aquela Xeración Nós cando aínda moitas e moitos andabamos a peregrinar polas sombras dun eclipse que semellaba perpetuo, sen nos decatar -coma se fosen transparentes- da importancia do labor destes arqueólogos da cultura, incansables á hora de buscar e mostrar pistas que nos permitisen recoñecérmonos nos espellos, sabermos máis de nós. 

Pregunto: Quen da miña xeración e posteriores non lembra aquel primeiro “Dicionario galego-castelán e vocabulario castelán- galego” de 1968? Tiña a capa branca cunha franxa azul coma a bandeira galega. Esa foi a súa maneira de comezar a revolución para facer país, para nos facilitar novos vieiros -“vieiros”, esa palabra que tanto lle gustaba- polas rutas do porvir. O día que nos decatemos da extraordinaria importancia daquela obra, monumental naqueles tempos, entón farémoslle un monumento. 

Imaxínoo xa nesa nova mansión, de parlamento con Rosalía, Leiras Pulpeiro, , Cabanillas, Otero Pedraio, Antonio Fraguas, Fernández del Riego, Neira Vilas... sobre a relatividade das cousas, “entre o si e o non”. Imaxínoo, ademais, sorrindo neses conversas; pois, aínda que era un home serio, moitas persoas tivemos a fortuna de velo sorrir e de gozar da súa retranca intelixente algunhas veces.

Figúraseme, outrosí, velo á fin naquel curruncho seu que deixara esquecido, ou pechado, alá en algures... Alá onde se perde a conta e o sentido, recompoñendo cestos de palabras feridas ou abandonadas, de palabras especiais, coa intención de nolas devolver sandadas do esquecemento.
Queridos lectores, queridas lectoras, a quen non coñeza a poesía intimista de Xosé Luís Franco Grande, ínstovos a descubrila, a viaxar polo interior dos sentimentos coa forza da autenticidade, da franqueza á hora de mostrar a alma espida. O momento é propicio para nos deixar levar por ese río silandeiro da poesía de quen traduciu ao galego “Venceremos nós”. E non esquezamos, como nos dixo Pimentel, que a poesía é o gran milagre do mundo.
Onde queira que esteas, descansa en paz, Xosé Luís.

Un vieiro franco e grande
Comentarios