lunes. 17.02.2020 |
El tiempo
lunes. 17.02.2020
El tiempo

A poboación lucense: un declive irrefreable?

O 1 DE XANEIRO DE 2019, as persoas empadroadas nos 67 concellos de Lugo sumaron a cantidade de 329.587 efectivos, unha contía inferior (-0,6%) á contabilizada o ano anterior, profundando na pauta de declive que determina a demografía lucense desde a segunda metade do século XX. Neste sentido, se comparamos a poboación empadroada en 2019 coa censada en 1940, a anualidade na que se contabilizou a poboación máis numerosa na nosa provincia, observamos que o seu tamaño diminuíu en algo máis dun terzo (-35,7%; -183.148 efectivos). O declive foi persistente, Censo tras Censo de poboación, revisión tras revisión anual do Padrón Municipal, coa única excepción do leve aumento rexistrado ao iniciarse 2008 (+0,1%; +386 efectivos), implicando o crecente despoboamento do territorio lucense, cuxa densidade de poboación diminuíu entre 1940 e 2019 desde 52 a 33 habitantes por km2. 

En liñas xerais, a evolución dunha poboación depende de catro sucesos demográficos: desde a vertente do movemento natural, actúan os nacementos e as defuncións e, desde a vertente do movemento migratorio, interveñen a inmigración e a emigración. O Instituto Galego de Estatística (IGE), publica información de ámbito provincial sobre os Saldos Naturais, ou Vexetativos, e os Saldos Migratorios anuais para o período 1990-2018. Con respecto aos primeiros, en todas as anualidades dese intervalo temporal, as defuncións superaron con fartura aos nacementos, implicando reiterados Saldos Naturais negativos que representan unha perda media anual de 2.781 efectivos.

En canto aos Saldos Migratorios, o número de inmigrantes superou ao de emigrantes en case todas as anualidades das tres últimas décadas, salvo en 1990, 2013 e 2014. En suma, desde a vertente dos fluxos migratorios a poboación lucense foi impulsada cara ao crecemento a un ritmo medio anual de 726 efectivos. Con todo, ao comparar os Saldos Migratorios cos Saldos Naturais, constatamos que a contía positiva dos primeiros foi claramente inferior con relación á magnitude negativa dos segundos. Así, durante o período 1990-2018 a provincia lucense gañou 18.876 efectivos pola vía dos Saldos Migratorios, pero paralelamente perdeu 80.650 efectivos pola vía dos Saldos Naturais. É dicir, por cada habitante que gañou grazas ao movemento migratorio (máis inmigrantes), perdeu outros catros debido ao movemento natural da poboación (máis defuncións), establecendo un escenario de crise demográfica.

A priori, o crecemento demográfico na provincia de Lugo require un aumento máis que notorio dos nacementos para que os Saldos Naturais anuais consigan ser positivos. Para ser conscientes da magnitude do aumento que se necesita, informamos que, na etapa 2014-2018,  a media anual da Taxa Bruta de Mortalidade superou en 2,4 veces a media anual da Taxa Bruta de Natalidade (15,20 mortes sobre 6,25 nacementos por 1.000 habitantes).

Ademais, ese hipotético gran aumento do número de nacementos debería superar a limitación que xera a baixa natalidade que actuou desde a pasada década dos oitenta, pois está a supoñer a incapacidade cuantitativa de renovar a cohorte de mulleres de 15 a 49 anos, xa que saen máis mulleres por superar o limiar de 49 anos que entran na mesma cohorte fértil tras cumprir 15 anos. Neste sentido, desde a revisión do Padrón Municipal de 1 xaneiro de 2000 obsérvase un declive continuado das mulleres de 15 a 49 anos empadroadas na provincia lucense: cada revisión anual hai menos nais potenciais, o que restrinxe a posibilidade de que a natalidade poida crecer con relevancia.

8cfdc18b-bd40-4823-8a8b-23d1161945f2

Con todo, esta limitación poderíase vencer mediante o aumento da fecundidade feminina, pero o valor deste indicador debería crecer de maneira espectacular, o que é moi improbable. En concreto, para que a natalidade puidese igualar á mortalidade rexistrada na provincia lucense en 2018 (5.085 defuncións de residentes), a Taxa Xeral de Fecundidade (TXF) da actual cohorte de mulleres de 15 a 49 anos debería ser de 80,4 nados por cada 1.000 mulleres, cando realmente significou 31 por 1.000. Unha TXF inverosímil para o actual escenario demográfico, sociocultural e económico, se consideramos que é unha fecundidade similar á que manifestaron en 1975 as mulleres das provincias economicamente máis desenvolvidas e poboadas grazas ao éxodo rural da ditadura franquista -Madrid, Barcelona, Bizkaia ou Pontevedra-, mentres as mulleres lucenses  expresaron nese mesmo ano 50,74 nacementos por 1.000 mulleres de 15 a 49 anos.

En todo caso, é probable que se consiga aumentar a fecundidade das mulleres lucenses se se mellora en cantidade e calidade a súa inserción laboral, con estabilidade e maiores ingresos económicos, así como a accesibilidade a unha vivenda alcanzable, ademais de potenciar realmente a conciliación do emprego co traballo de coidado da infancia, a través dunha oferta pública e privada subvencionada con suficientes prazas de gardería, sen esquecer a repartición equitativa dos diferentes traballos entre mulleres e homes. 

Con todo, pensamos que ese posible aumento da fecundidade feminina, de producirse, será insuficiente por se mesma para frear a pauta de declive da poboación lucense, impulsada por unha mortalidade in crescendo que induce unha estrutura por idade bastante envellecida: o 29,1% da poboación lucense ten máis de 64 anos. Por conseguinte, para frear o declive demográfico tamén se necesita un aumento bastante considerable dos Saldos Migratorios positivos, actualmente insuficientes para contrarrestar os Saldos Naturais negativos. 

En definitiva, a política demográfica a implementar en Lugo debe considerar e relacionar as dúas vertentes do crecemento demográfico: movementos natural (máis nacementos) e migratorio (máis inmigrantes), así como a  interdependencia da poboación coa economía, a sociedade, a cultura e os recursos naturais presentes no territorio lucense. Así mesmo, débese reivindicar un novo rol para Lugo dentro das economías galega e española, pois o seu papel actual é bastante dependente e periférico, o que restrinxe e obstaculiza o seu desenvolvemento socioeconómico e a superación da crise demográfica. 

Por último, apuntar que esta crise constitúe unha problemática pluridimensional e complexa que debe ser abordada cunha política integral e sostible ambientalmente, cunha planificación participativa e cooperativa entre as diferentes institucións e actores socioeconómicos do territorio lucense. Seguindo ao sociólogo Edgar Morin, se a política demográfica baséase no ‘paradigma de simplificación’, que domina nas actuacións do poder político e tecno-burocrático, conduciranos a unha intervención sectorial, unidimensional e reducionista que non contribuirá a superar a crise demográfica que padece a provincia lucense. Ao contrario, volverá a manifestarse a corrente de declive irrefreable que nos anuncia a proxección de poboación do IGE que estima uns 309.513 habitantes para 2030.

A poboación lucense: un declive irrefreable?
Comentarios