jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

A desertización demográfica do rural

As políticas e medidas das administracións para corrixir a desigualdade entre campo e cidade foron insuficientes para resolver a crise demográfica do medio rural

Gráfico cos concellos galegos coa densidade de poboación máis baixa. EP
Gráfico cos concellos galegos coa densidade de poboación máis baixa. EP

AS CIFRAS oficiais da última Revisión do Padrón Municipal de Habitantes ao 1 de xaneiro de 2017, infórmannos sobre o avance imparable do proceso de desertización demográfica polo territorio rural de Galiza: en 31 Concellos (catorce de Lugo e dezasete de Ourense), a Densidade de Poboación non conseguiu superar os 10 habitantes por km2, o nivel de poboamento que a ONU considera propio dun «deserto demográfico». Ao comezar o presente século, unicamente 15 Concellos (seis lucenses e nove ourensáns) situábanse en ou por baixo dese limiar de tan escaso poboamento.

Pero, tamén, hai que sinalar os 22 Concellos galegos (un coruñés, nove lucenses e doce ourensáns) nos que a Densidade de Poboación sitúase entre 11 e 14 habitantes por km2 ao comezo de 2017, os cales seguramente se precipitarán a curto prazo ao espazo do «deserto demográfico», de non producirse un cambio radical na tendencia demográfica regresiva imperante, alimentada por saldos migratorios e vexetativos negativos.

Observamos que a desertización demográfica do hábitat rural galego concéntrase nas provincias de Lugo e Ourense, sendo consecuencia dun proceso histórico-estrutural que actúa maiormente desde que as políticas da Ditadura franquista, especialmente as do chamado Segundo franquismo (1959-1975), provocaron un «éxodo rural» sen precedentes cara ás cidades e áreas metropolitanas, principalmente situadas no trapecio xeográfico formado por Madrid, Bilbao, Zaragoza, Barcelona, Tarragona e Valencia. En Galicia, parte desa emigración rural masiva beneficiou ás urbes do Eixo Atlántico, primordialmente Vigo e A Coruña. Pero, tamén, tivo lugar unha corrente emigratoria importante cara doutros Estados de Europa Occidental e de América do Sur. 

Entre 1975 e 2017, as provincias de Lugo (-18,8%) e Ourense (-28,2%) sufriron un decrecemento poboacional importante, que volve a contrastar co incremento rexistrado nas provincias da Coruña (5,7%) e Pontevedra (11,6%)

Entre 1940 e 1975, as provincias de Lugo (-24,7%) e Ourense (-12,3%) decreceron con significación en habitantes, mentres as de Coruña (16,1%) e Pontevedra (23,2%) creceron con relevancia. En xeral, as provincias rurais de Galiza e do Estado español, chegaron ao inicio do actual réxime de Monarquía parlamentaria cunha poboación notoriamente mermada e con una estrutura por idades claramente envellecida polo éxodo rural, con importantes carencias en infraestruturas e equipamentos colectivos fundamentais para a vida cotiá, un forte desinvestimento na economía local-comarcal, unha infravaloración e identidade negativa proxectada desde o mundo urbano (paletos, ignorantes, atrasados,...), e un tecido socioeconómico bastante desestruturado e debilitado.

En principio, os novos Gobernos autonómicos e estatal parecían que eran conscientes e sensibles ás carencias, abandono e marxinación á que foi sometido o territorio rural durante a Ditadura franquista. Pero as políticas e medidas aplicadas desde as Administracións autonómicas e central, co apoio financeiro dos fondos, iniciativas e programas da CEE dende 1986 (Unión Europea a partir do Tratado de Maastricht de 1992), para corrixir a desigualdade e inxusta relación entre o campo e a cidade, foron claramente insuficientes para resolver a crise demográfica do medio rural: non lograron manter a poboación e moito menos rexuvenecela, polo contrario continuaron as correntes de envellecemento e desertización demográfica. Con todo, durante as catro décadas que abarca o actual réxime democrático da Monarquía parlamentaria, se produciron importantes melloras nas infraestruturas e equipamentos colectivos do medio rural, que axudaron a que o declive demográfico non fose aínda maior. 

Entre 1975 e 2017, as provincias de Lugo (-18,8%) e Ourense (-28,2%) sufriron un decrecemento poboacional importante, que volve a contrastar co incremento rexistrado nas provincias da Coruña (5,7%) e Pontevedra (11,6%). O desequilibrio na distribución interprovincial da poboación galega intensificouse durante o mesmo período de tempo: Lugo e Ourense pasaron de albergar entre ambas o 31% da poboación galega en 1975, a acoller o 24% en 2017, mentres A Coruña e Pontevedra aumentaron en conxunto a súa representación desde o 69% ata o 76% da poboación galega. 

Grosso modo, a desigualdade e desequilibrio socio-territorial entre as provincias rurais e urbanas, entre o campo e a cidade,  non só mantívose en Galiza, senón que se agravou durante as últimas catro décadas en prexuízo dos Concellos rurais que non son periurbanos, que se atopan distantes do Eixo Atlántico ou que non están insertos nas redes económicas dá globalización capitalista. Ante a constatación do persistente despoboamento das provincias de Lugo e Ourense, deducimos que as políticas e medidas de ordenación e reequilibrio territorial e de desenvolvemento económico do medio rural aplicadas pola Xunta de Galicia foron claramente insuficientes, e seguramente algunhas delas erróneas, para a fixación da poboación na maioría dos Concellos rurais, especialmente nos lucenses e ourensáns.

Catorce concellos de Lugo e dezasete de Ourense teñen unha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2.

Referímonos á responsabilidade da Xunta de Galicia porque no proceso institucional de descentralización do Estado español, a Administración autonómica é a que ten as competencias necesarias para a ordenación e planificación das diferentes actividades no territorio galego e, en concreto, para a promoción do desenvolvemento rural. As Administracións locais do medio rural, polo seu baixo nivel de competencias, economía e poboación, teñen unha capacidade moi débil para deseñar e promover procesos de desenvolvemento local con capacidade realmente transformadora. 



A estreita relación que se establece entre poboación e economía no territorio rural con baixa densidade demográfica, seguramente implicará que o abandono e sobreenvellecemento prosiga a curto e medio prazo nas provincias lucense e ourensá. A crise demográfica provoca unha crise-depresión económica que, simultaneamente, fomenta a crise social e a crecente desertización do territorio rural. En xeral, as relacións negativas de retroalimentación, ou feed- back, entre poboación e economía no territorio rural despoboado e sobreenvellecido constitúen un proceso de círculo vicioso que deriva nunha grave crise estrutural que, «volta de torca tras volta de torca», pon en grave risco a mesma supervivencia da maioría dos Concellos rurais afectados, como nos advirten os catorce concellos de Lugo e dezasete de Ourense que teñen unha Densidade de Poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2.
A todo isto, o pasado marzo de 2017 o Goberno Galego anunciou o «Plan de fixación da poboación no rural», dotado con 230 millóns de euros ata 2020, un suposto novo Plan autonómico que repite eixos de actuación e medidas do «Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 de Galicia». Trátase dun Plan con orzamento propio, distinto con respecto o do PDR? Ou dunha campaña de publicidade partidista que pretende instrumentalizar os nosos desexos, en vez de actuar con máis medios para transformar en positivo a realidade de desertización que arrasa o noso rural?

A desertización demográfica do rural
Comentarios