sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Crece e se cronifica a pobreza en Galiza

Ante as próximas eleccións do 25 de setembro para o Parlamento galego, paréceme de interese considerar a evolución de varios indicadores sobre carencias materiais e pobreza en Galiza, pois un dos obxectivos e prioridades fundamentais de calquera goberno democrático ha de ser reducir con determinación a pobreza e exclusión social entre a poboación.

Imos analizar os datos estatísticos producidos para Galicia pola Enquisa de Condicións de Vida do INE (ECV) referidos aos seus resultados anuais de 2012 e 2015. Comecemos pola renda media por fogar, un indicador cuxo valor na ECV de 2015 supón unha clara diminución con respecto ao obtido na enquisa de 2012 (-3,9% ó -3% con aluguer imputado). Esta caída da renda media ha derivado no aumento dos fogares galegos con carencias materiais en aspectos moi necesarios para a vida cotiá. En concreto, percibimos que entre as ECV de 2012 e 2015 duplicouse con folgura a porcentaxe de fogares entrevistados que non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada, os cales pasaron de significar o 6,6% a representar o 15,4%. Así mesmo, a proporción de fogares que tiveron atrasos no pago de gastos relacionados coa vivenda principal nos últimos 12 meses creceu ata o 7% de todos os fogares enquisados en Galicia en 2015, superando o valor porcentual correspondente da enquisa de 2012, tal como obsérvase na seguinte Táboa.

Táboa pobreza

Despois de examinar os indicadores sobre carencias materiais nos fogares, indaguemos sobre a evolución da dimensión da pobreza económica entre a poboación residente en Galiza. Seguindo os criterios de Eurostat, o INE elabora o indicador AROPE, unha taxa incluída na estratexia Europa 2020. En concreto, a porcentaxe de poboación en risco de pobreza ou exclusión social subiu na ECV de 2015 con respecto ao dato de 2012: do 23,8% ao 25,7% da poboación galega. O indicador AROPE inclúe á poboación que está nalgunha das tres situacións seguintes: a) en risco de pobreza, b) con carencia material severa e/ou c) en fogares sen emprego ou con baixa intensidade no emprego (non se consideran as persoas de 60 e máis anos). Sinalar que os valores das condicións a) e b) aumentaron entre as enquisas de 2012 e 2015, especialmente a primeira (en risco de pobreza).

Nas economías capitalistas con Estado do Benestar, a dimensión da pobreza e exclusión social en gran medida depende dos niveis de ocupación e de paro entre a poboación activa, así como das prestacións públicas dispoñibles para as persoas desempregadas. En Galicia, a Taxa de Paro minguou de 2012 a 2015 (de 20,5% a 19,3% da poboación activa de 16 e máis anos), pero as persoas paradas tenden a estancarse na situación de desemprego, como nos expresa o importante aumento da Porcentaxe de [email protected] que levan 2 anos ou máis buscando un emprego (de 28,8% a 43,3% do total de [email protected]). Na vertente inversa, a Taxa de Emprego retrocedeu entre 2012 e 2015 (de 43,7% a 43,1% da poboación de 16 e máis anos), aínda que a Taxa de Temporalidade entre as e os asalariados creceu con certa relevancia (de 22,9% a 25,4%), do mesmo xeito que a Taxa de Parcialidade entre as e os ocupados (12,9% a 14,3%).

Durante o mesmo período, a Taxa de Cobertura do Paro Rexistrado polas prestacións públicas diminuíu con notoriedade (de 58,6% a 49,1%). En suma, unha economía condicionada polo desemprego masivo e crónico, cun forte aumento das persoas paradas sen prestación social, na que, ademais, crece o emprego precario (temporal e a tempo parcial) impulsado pola reforma laboral do PP de 2012, está a xerar un escenario de crise social en Galiza, onde se expande e tamén se cronifica a pobreza e exclusión social, tal como infórmanos o indicador AROPE.

Para finalizar, pensamos que, á luz dos indicadores anteriores, as políticas de loita contra a pobreza e exclusión social implementadas pola Xunta do PP durante a última lexislatura signifícanse pola súa debilidade e insuficiencia. Non só hai que abordar a pobreza e exclusión producida pola última crise capitalista, senón tamén a nova pobreza das e os traballadores do precariado que está a causar un crecemento económico baseado na doutrina e políticas do neoliberalismo. Urxe, pois, un cambio copernicano nas políticas de cohesión e inclusión social da Xunta, se realmente quérese abordar con eficacia esta grave problemática e reducir con relevancia a poboación galega en risco de pobreza ou exclusión. Grosso modo, avogamos por unha estratexia pública de cohesión e inclusión social que promova: 1) a participación activa das persoas en situación de pobreza ou exclusión e das súas asociacións no deseño e xestión da estratexia, 2) unha renda mínima garantida para todos os fogares con carencias materiais e ingresos por baixo do limiar de risco de pobreza, 3) itinerarios personalizados de inserción sociolaboral con empregos estables e dignos, 4) o cooperativismo e a economía social e 5) un parque de vivendas públicas e privadas de aluguer social.

Crece e se cronifica a pobreza en Galiza
Comentarios