Opinión

Democracia e demagoxia

OS CASOS de corrupción política e económica e a impunidade dos corruptos, o enterramento da tripla división de poderes da que falaba Montesquieu seguindo a Locke e outros filósofos anglosaxóns, a desafección crecente da cidadanía cara á actividade política, as intrigas palaciegas e partidistas, a distancia e o distanciamento da política institucional ante a realidade ordinaria e diaria da cidadanía, as novas formas de comunicación pública baseadas no infotaitment (información unida a entretemento), o auxe da extrema dereita populista son algúns exemplos ou síntomas que ilustran unha categoría: a crise da democracia representativa tal e como a entendemos desde a tradición liberal. É evidente que non estamos a descubrir nada novo ou orixinal e, neste senso, as discusións teórico-políticas sobre a banalización da política no contexto da democracia representativa e as súas consecuencias son constantes e mesmo gozan dunha monotonía absolutamente preguiceira.

Hai case 2.400 anos Aristóteles, consciente da enorme fraxilidade da democracia, cuxa conservación e prosperidade están bastante lonxe de ser garantidas, mostrou as causas que podían provocar o seu declive e describiu a súa decadencia cunha precisión tal que, como ben ten comentado o analista político italiano Roberto Savio, leva a cuestionar se realmente avanzamos algo desde entón. O filósofo estagirita, que viviu nun contexto histórico diferente ao actual descoñecía naquela época as connotacións dunha democracia representativa liberal. Con todo, subliñaba que para conservar a democracia era imprescindible vixiar o imperio da lei e a seguridade xurídica, e preservar a xustiza custara o que custase co fin de que non se infrinxíran no máis mínimo á vez que limitar o poder real (político ou económico) de quen o ostentaba a través de diversos contrapesos e controis que puxeran freo ao exceso e duración dos mesmos.

Por outra banda, o seu tratado da Política achega unha serie de valiosos argumentos para mostrar cales son os límites e os alcances dun réxime de goberno, sexa a democracia ou calquera outro, e para descubrir o obxecto máis importante de toda reflexión filosófica sobre a vida política, a saber: o "logos estético común" sobre o que se levanta calquera réxime de goberno. E, xa que logo, preocupáballe especialmente a corrupción, propia de calquera forma de goberno e en especial da democrática, na que a oligarquía parece estar ordenada legal e administrativamente para o enriquecemento do funcionariado corrupto. Unha vez enferma e corrompida a democracia, dicía o filósofo grego, córrese o risco de vivir na demagoxia, degradación da democracia na que a paixón, a apelación por parte dos políticos a determinados sentimentos dos representados, substitúe á razón. É por iso que a degradación da calidade democrática é o caldo de cultivo dunha demagoxia que, realmente, tende a ameazar as liberdades da cidadanía.

Aristóteles tiña razón, por suposto. E demostra como os grandes filósofos gregos convértense no gran nicho orixinario do pensamento filosófico e político da historia de occidente. Por iso debera inquietarnos a posibilidade de deixalos á marxe da educación dos futuros cidadáns. E tamén tiña razón ao considerar imprescindible a boa educación do ser humano nas mellores virtudes cívicas e públicas, entre outras razóns porque os farían máis libres, menos apáticos, mellores cidadáns e virtuosos representados capaces de detectar a virtude ou a malicia dos seus representantes (mercadores da democracia ou demagogos) co fin de poder controlalos e reverter ese mecanismo de control inverso polo cal os representantes ostentan o poder e dirixen o destino dos seus representados, evidenciando que a democracia clásica concibida como o "poder do pobo" estase a convertir na actualidade no "poder dos representantes do pobo".

Comentarios