sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

O Covid-19 e o valor da vida humana

Acotío apélase ao principio do valor intrínseco da vida humana (en diante, PVIVH). A ética médica tradicional non cuestiona se a vida dun paciente ten valor xa que tal cuestionamiento é alleo á tradición hipocrática (entre outras razóns). A Igrexa católica defende que todas as vidas humanas son intrinsecamente valiosas polo que sempre sería moralmente incorrecto matar intencionadamente a un ser humano inocente. Para o Dereito, a vida é un ben xurídico protexido polo que o homicidio simple, o asasinato, o infanticidio, a axuda activa ao suicidio (mesmo baixo petición) e o aborto (nalgúns casos) serían tipificados como delitos. Certamente, aceptamos un principio tan nobre como pode ser o PVIVH sen sometelo, moitas veces, a un exame crítico. De feito, en moitas ocasións insístese en que a vida humana ten un valor irredutible en tanto que non se debe considerar o valor da vida dunha persoa en concreto por riba do valor da vida humana en si mesma.

Do devandito PVIVH derívase o seguinte: por unha banda considérase que nos casos dunha enfermidade incurable é posible deixar morrer ao paciente co fin de que a súa situación infernal non se manteña dun modo innecesario renunciando, por exemplo, á utilización de medios extraordinarios ou desproporcionados de mantemento da vida e fundamentando tal decisión en que, realmente, o médico meramente permite que a enfermidade siga o seu curso natural; por outra banda tamén se acepta a utilización de tratamentos paliativos de carácter piramidal co fin de aliviar a dor do paciente. Nas dúas situacións, dise, o médico non provoca a morte do paciente, en todo caso deixa morrer ao paciente co fin de evitarlle un tratamento penoso e así, recorrendo a estrañas distincións e argumentos, téntase conseguir un resultado razoable (a morte do paciente en situación de irreversibilidade) sen que pareza que se está violando ese contundente PVIVH. Tal decisión é amparada pola Igrexa católica, a deontoloxía médica e o dereito penal.

Os pacientes con escasas posibilidades de recuperación e cunha enfermidade terminal e irreversible non deberan ingresar nas Ucis

Con todo, mesmo se avaliamos dun xeito superficial o PVIVH e as súas consecuencias, atopámonos con algunhas obxeccións. Na crise do Covid-19 está a producirse unha saturación do sistema sanitario véndose superado pola demanda de pacientes que sofren dita enfermidade. E anticipándose á actual situación, tanto o Ministerio de Sanidade como diversos organismos (o Semicyuc e a Semi, de carácter médico e bioético) aconsellaron planificar, ante a escaseza de recursos sanitarios, os criterios de ingreso nas Ucis baixo os principios de xustiza distributiva e a maximización do beneficio global, e co fin engadido de evitar dilemas éticos no momento de seleccionar que pacientes ingresan na Uci e cales non. Priorizarase en caso de colapso os pacientes críticos que necesiten tratamento intensivo e monitoraxe, e os que demanden intervencións inmediatas ingresarían en dispositivos de coidados intermedios. Os pacientes con escasas posibilidades de recuperación e cunha enfermidade terminal e irreversible non deberan ingresar nas Ucis.

Absolutamente razoable na actual situación de medicina de catástrofe. O problema ulterior sería se existen varios pacientes que requiren eses coidados prioritarios que superan en exceso a capacidade das Ucis. E nestes casos alúdese á necesidade de priorizar a calidade e expectativa de vida, a idade biolóxica e cronolóxica, o valor social, o beneficio-risco, etc. Ninguén discutiría tales criterios nun contexto de extrema necesidade. Porén, nesta crise sanitaria o PVIVH non se aplica tal e como se formula. Logo, convén preguntarse se ese ríxido PVIVH é realmente tan sostible e defendible como se presume. Creo que non existen outros condicionantes que o poñen en evidencia xa que nos casos como os anteriormente relatados realmente aplícanse criterios de calidade de vida e de custo-beneficio. Criterios que tamén deberan ser tidos en conta, por exemplo, en situacións nas que un enfermo terminal ou fisicamente incapacitado desexa axuda activa para morrer. Por exemplo.

O Covid-19 e o valor da vida humana
Comentarios