Opinión

Turquía e a UE

A RELACIÓN da Unión Europea con Turquía -xeograficamente europea e asiática, non se esqueza- nunca foi fluída. Desde que en 1963, a CEE asinase o tratado de asociación con Ankara, Bruxelas foi dando largas á adhesión de Turquía ao club comunitario, mesmo despois de que en 2005 se intensificasen as negociacións ao respecto. A estratéxica situación de Turquía no mapa é o gran problema para a súa integración na UE e, á vez, o seu gran activo para apertar as caravillas á Bruxelas para obter outras contrapartidas. O abominable acordo ao que chegaron na madrugada de antonte Bruxelas e Ankara é un patético exemplo. A UE expulsará a Turquía aos sirios, que foxen dunha morte case segura nun país esnaquizado pola guerra. Os dirixentes políticos dos países da UE tiran así ao cubo do lixo calquera físgoa de clemencia e de respecto aos dereitos humanos. A cambio, os gobernantes turcos seguirán tendo patente de corso para discriminar a máis de 15 millóns de kurdos -unha quinta parte dos seus 78 millóns de habitantes- ou intervir o maior diario do país pola sinxela razón de que era crítico co cada vez máis autoritario réxime de Erdogan. Atrás queda aquela voluntariosa Alianza das Civilizacións patrocinada de Erdogan e Zapatero, cuxo fin declarado en 2004 era o de combater o terrorismo yihadista por unha vía que non fose a militar. Nada fai presaxiar agora que as cousas en Occidente e no mundo árabe e musulmán non sigan empeorando.

Comentarios