Opinión

Tres e medio

EN POLÍTICA poden cambiar os protagonistas da noite para a mañá, pero non as estratexias. As manobras de distracción son un exemplo. Os políticos nunca ensinan as súas cartas. Por suposto, os líderes dos catro grandes partidos (agora tres e medio) dicían na campaña que optaban a presidir o Goberno. Tras o maremoto do 20-D, un xa espertou e agora ofrécese de muleta dos dous afíns (Mariano Rajoy e Pedro Sánchez). Albert Rivera ensina xa as cartas, porque a súa baralla non dá para máis. Dos outros tres, a dous deles (tic, tac, que diría o terceiro) aprémaos o tempo e, sobre todo, os compañeiros de partido. Rajoy -coma o seu colega Artur Mas en Cataluña- pode ofrecer o que sexa para manterse na poltrona, porque se ve ante a última oportunidade. Ao presidente en funcións non lle interesan novos comicios -non ten garantido repetir como candidato- aínda que sí ao PP, que vería como moitos votantes de C's volverían ao seu curro. Sánchez teno cru, porque se pacta co PP, o PSOE corre o risco de imitar ao PASOK grego e case desaparecer do mapa. E se o fai con Podemos, a súa amiga Susana Díaz córtalle a cabeza e o forense Guillermo Fernández Vara faille a autopsia sen cobrarlle un peso. E Pablo Iglesias? Só el parece ter o tempo ao seu favor. Se os outros tres o acurrunchan, encúmbrano para as ¿próximas? xerais, nas que tamén ten marxe para medrar se IU e BNG caen da burra. Outras cousa é que xestione ben o éxito. E iso non é fácil.

Comentarios