Opinión

Todos

TODOS CONTRIBUIRÁN ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade, que en ningún caso terá alcance confiscatorio», reza o punto un do artigo 31 da Constitución. Por suposto que este artigo non se cumpre, como case toda a Carta Magna. Onde están o sistema tributario xusto, a igualdade e a progresividade cando os empresarios declaran a Facenda uns ingresos medios máis baixos que os seus empregados? Ou cando as grandes fortunas tributan ao un por cento? En canto ao de non ter alcance confiscatorio, os afectados polas retencións do vinte por cento nos premios da lotería, ou polo catastrazo, entre outros, terían moito que dicir. A última apreciación sobre o referido artigo da para algúns intocable Constitución -salvo cando os que a tocan e a soban son eles- é de carácter semántico e refírese á súa primeira palabra. Todos. Deben cotizar a Facenda os nasciturus? Haberá que preguntarllo aos antiabortistas. Lémbrese o «todos teñen dereito á vida» doutro artigo, o 15, da Carta Magna. A última gran achega á controversia -sobre Facenda e todos- fíxoa unha avogada do Estado o pasado luns nun xuízo en Palma. «Facenda somos todos» é un lema meramente publicitario, aseverou a boa señora, quen, suponse, non é mileurista e paga os seus impostos. Deu no cravo: Facenda non somos (non son) todos.

Comentarios