Opinión

Todo igual

SE PARA algo serviron os dous meses transcorridos desde as eleccións xerais é para constatar que o país non se foi ao carallo por moito que os partidos -o que goberna en funcións e os que aspiran a substituílo- parezan empeñarse no contrario. A sobreactuación da maioría dos líderes e a inacción do xefe de Goberno en funcións -nada novo por outra banda- o único que están a conseguir é que se tempere a efervescencia política dos os últimos meses. Moitos cidadáns empezan a estar fartos de que non paren de marear a perdiz os dirixentes das formacións nas que depositaron a súa confianza co voto nas urnas o 20-D. Pero non se preocupen, que o sangue non chegará ao río. Na partida que os tafures están a xogar, o papel dos que miran, como sempre, limítase a dar tabaco. As cartas non se ensinarán como mínimo ata o 2 ou o 3 de marzo. E se o líder socialista non consegue ser investido nas dúas primeiras votacións, aínda disporá doutros dous meses para barallar e repartir cartas antes de que por imperativo legal haxa que convocar eleccións. Non hai que esquecer que el é o que ten a baralla na man, por moi desgastadas que poidan estar (a baralla e a man). Mentres, todo seguirá igual. As negociacións políticas compartirán portadas con casos de corrupción, titiriteiros, podemitas mirados con lupa e clubs de fútbol que impiden que o Rei poida presenciar no seu estadio a final da copa que leva o seu nome. España, nunha palabra.

Comentarios