jueves. 24.09.2020 |
El tiempo
jueves. 24.09.2020
El tiempo

Seareiros

A XENTE á que lle gusta o fútbol é unha especie en perigo de extinción. Non hai máis que entrar nun bar cando botan un partido pola tele. Se xogan o Real Madrid ou o Barcelona, boa parte da clientela estará pendente da caixa parva. Se son outros os contendentes, non mirará para ela nin deus. Os afeccionados ao fútbol escasean. Si proliferan coma fungos os seguidores dun equipo. Ambos especímenes son fáciles de diferenciar. Os primeiros falan da nobre arte do balompé e das habilidades de quen o practica. Os segundos só falan dos árbitros, eses sinistros personaxes de negro cuxa única misión na terra é foder ao equipo dos seus amores (os do seareiro, non os do colexiado). Outra característica dos afeccionados dun equipo é que nunca se dan por vencidos, nin a final de tempada. Estes días, os culés que están de resaca tras festexar o título de Liga do Barça dinlle aos merengues que aínda teñen opcións a unha segunda copa, a do Rei. Os madridistas responden que o seu equipo vai gañar a Champions, que vale máis, segundo eles, que as outras dúas xuntas. E os do Atlético, que nanai, que en Milán vencerán os pupilos de Simeone. E aos afeccionados ao fútbol e ao Celta -perdón pola redundancia- que nos queda? Moito. Podemos presumir de que a Rianxeira se volverá oír en competición europea e de que os de Berizzo gañarán esta tempada os mesmos títulos ca un dos finalistas de Milán e só un menos có outro. Iso si que é unha tempada redonda.

Seareiros
Comentarios