Opinión

SD

DESPOIS DE catro décadas de pugna por ese espazo difuso do centro, agora case todos os políticos se apuntan ao carro da socialdemocracia (SD, nas súas siglas convencionais). Cando xa parecía languidecer, o furor centrista viviu as súas últimas rabexadas tras a morte de Adolfo Suárez. Pero a cousa quedou aí. Non fora a ser que aos políticos patrios actuais se lles pegase algo da capacidade do de Cebreros para tender pontes con forzas de distintas ideoloxías polo ben dos cidadáns. Alguén se imaxina hoxe a foto da firma dos pactos da Moncloa? Por certo, o partido co que Suárez tentou en balde reverdecer tempos pasados xuntaba no seu nome (CDS) os dous conceptos -centro e socialdemocracia- que tanto atraen aos gurús que deseñan as campañas electorais. Ao que iamos. Agora a maioría dos políticos coquetean coa socialdemocracia. Ata Cristina Cifuentes está encantada de que algúns medios a identifiquen como a cabeza visible dunha corrente socialdemócrata (!?) no PP. Pablo Iglesias aparca a transversalidade de Podemos para abrazar a socialdemocracia. Claro que a Susana Díaz -agora en comandita con Pedro Sánchez, necesidade obriga- faltoulle tempo para lembrarlle que o orixinal -da substancia non dixo nada- da marca teno o PSOE. E Albert Rivera? Pois socialdemócrata, liberal, centrista e do PSD -o partido da dereita portuguesa desbancado do poder- se fai falta. Ai!, se Willy Brandt e Olof Palme levantasen a cabeza.

Comentarios