Opinión

Refuxiados

SE UN milagre non o remedia, Europa encamíñase unha vez máis cara á traxedia. Sete décadas despois da Segunda Guerra Mundial e pasado medio século da firma do Tratado de Bruxelas de 1965, xerme da actual UE, Europa vive sumida nunha crise económica e de valores que non augura nada bo. A curtidade de miras e incompetencia dos seus dirixentes contribúen a iso en boa medida. O seu entreguismo ao capital, a aposta por salvar os bancos e non aos cidadáns e a covardía á hora de que na UE se apliquen a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou a Convención de Xenebra desembocaron no marasmo actual. A inacción crónica da UE en política exterior -EE.UU. sacoulle as castañas do lume na última guerra da Balcáns- ten en Oriente Medio o seu máximo reflexo. Os erros que propiciaron o xurdimento do Estado Islámico son atribuíbles a EE.UU. e á UE -lémbrese a foto das Azores de 2003, con Bush fillo, Blair e Aznar-, pero as consecuencias das guerras de Siria, Iraq, Afganistán ou Iemen págaas -ademais dos países aniquilados polas bombas- sobre todo Europa. O Mediterráneo é un inmenso cemiterio e os centos de miles de persoas que foxen da morte e a fame, e que chegan vivas ao Vello Continente, poucas veces son tratadas como seres humanos. Todos os países, agás se cadra Alemaña, miran para outro lado. España acolleu a un milleiro do máis dun millón de refuxiados que chegaron en 2015 a Europa. Sen comentarios.

Comentarios