Opinión

Pioneira

TODOS OS anos coa chegada do bo tempo sucédense as traxedias no Mediterráneo ante os desesperados intentos dos desherdados africanos e asiáticos de chegar a unha Europa para eles terra de promisión. E este ano non é unha excepción, senón todo o contrario. O ominoso acordo entre a Unión Europea e Turquía para pechar a ruta dos Balcáns e bloquear a entrada de inmigrantes no Vello Continente obriga a centos de miles de desesperados que ata agora se xogaban a vida nunhas cantas millas entre as illas do Exeo a botarse ao mar aberto en destarteladas embarcacións para alcanzar Italia desde as costas de Libia. As mafias -beneficiadas polas erráticas decisións das autoridades da UE- fan o seu agosto, os naufraxios con centos de mortos sucédense e a única personalidade á que parece preocuparlle a situación é o Papa Francisco. Mentres, os gobernantes adoptan medidas cada vez máis xenófobas, cando non racistas. No seu afán por tentar que a ultradereita non os desbanque das súas poltronas, emulan as súas políticas no canto de molestarse en defender os máis elementais dereitos humanos. E niso España non é unha excepción, senón pioneira. Non hai que esquecer que os primeiros valados para impedir a entrada de inmigrantes foron os de Ceuta e Melilla. Amnistía Internacional acaba de cualificar de arbitrario, discriminatorio e inadecuado o sistema español de acollida de refuxiados. É que alguén cría o contrario?

Comentarios