Opinión

Pelotas

A PELOTA está no tellado. A frase feita sempre é aplicable ante unha cita electoral, e na do 24-M, máis que nunca. A pelota está no tellado dos electores, dos que irán ás urnas e dos que seguen a estar ata as pelotas e non votarán. Nestes comicios o terreo de xogo está máis embarrado que nunca. Así, os xogadores recorren á pelotada (léase lorchazo) para conservar (ou conquistar) o poder. Nisto teñen vantaxe os dous partidos que manexaron o cotarro desde o 20-N do 75, aínda que os chamados emerxentes tamén deron outro tipo de pelotadas. Un fíxoo nas europeas e andaluzas co seu resultado, e o outro, nos mesmos comicios e, sobre todo, nas portadas dos medios capitalinos, desesperados por atopar unha muleta na que se apoien as gaivotas para conservar o alpiste. A maior achega desa seminova formación que se autodefine como liberal á rexeneración política é a do seu líder en pelotas hai anos nun cartel. O denominador común destes catro paus da baralla electoral é o de pasar a pelota uns a outros. Para exemplo, o da negociación da investidura en Andalucía. Tras o 24-M chegará a hora dos peloteiros, que farán a pelota a quen lles facilite a pelotada. Entón saberase quen lle bota pelotas á cousa e a quen se lle poñen de gravata. O domingo máis dun político levará unha pelotada nos fociños. Outros seguirán a tocarse as pelotas, sexa no despacho dunha institución ou no consello de administración dunha empresa. E así ata as xerais.

Comentarios