Opinión

Pelotadas

DOUS asuntos que aparentemente pouco teñen que ver entre si, a política e o fútbol, acaparan as conversacións dos atribulados cidadáns. O fútbol -ou mellor dito, o seguimento dun equipo- sempre desatou paixóns, pero a preocupación da cidadanía pola política caera baixo mínimos ata que as feridas sociais da crise propiciaron o seu rexurdimento. Se algo tiveron en común o fútbol e a política, ademais da simpatía por unhas cores ou por unhas siglas, é a súa contaminación pola corrupción. O ocorrido na Fifa ou en case todos os partidos (políticos) é unha mostra. O compadreo entre dirixentes políticos e futbolísticos tivo moito que ver en recualificacións de terreos que supuxeron pelotadas para uns e outros. A explosión da burbulla inmobiliaria deixou exemplos como o do inacabado Nou Mestalla. Pero o contubernio entre gobernantes e presidentes de clubs non é exclusivo de Valencia. Un recente informe de Transparencia Internacional cifra en 1.100 millóns de euros os ingresos obtidos polos clubs españois desde os anos 90 grazas ás recualificacións de terreos. Tampouco son excepcionais os casos nos que se utiliza o fútbol como trampolín cara á política ou viceversa, ou aqueles nos que se compatibilizan as dúas actividades. Mauricio Macri, Augusto César Lendoiro e Horacio Gómez son exemplos diso. Cantos políticos afeccionados ao fútbol antepoñen as cores do seu equipo aos intereses dos cidadáns que gobernan? Máis dun hai.

Comentarios