Opinión

Londres non está polo labor

CAMERON DEUSE un garbeo pola Haia, París, Varsovia e Berlín -a Madrid mandou un recadeiro para preparar un encontro con Rajoy que aínda non ten nin data- para vender a moto de que a Unión Europea debe ser reformada para que o Reino Unido non lle dea as costas no referendo que o primeiro ministro británico vén anunciando para 2017 como moi tarde. A Londres non lle basta con ser o socio menos solidario da UE-excluíuse das dúas grandes liñas de Maastricht: moeda única e integración política-, senón que pretende que Bruxelas se pregue ás súas condicións para seguir no club comunitario. Manda collóns, que diría Trillo, que precisamente, a non ser que alguén demostre o contrario, é embaixador en Londres. Cameron e moitos británicos non se queren decatar de que o Imperio Británico é historia e de que o Reino Unido xa non é unha das máis grandes potencias mundiais. E en Europa a que corta o bacallau é, unha vez máis, Alemaña, por moito que Londres se escude no seu curmán de Zumosol (léase EE.UU.) para tratar de impor os seus criterios. A supervivencia da UE pasa por unha maior integración dos seus socios, e Londres non está polo labor. Pardoxalmente, o que pode salvar o experimento político máis transcendental da historia para a paz en Europa, é que os antieuropeos triunfen no referendo británico, se se celebra. Europa pode perder a Londres e de alí a pouco gañar un socio leal: Escocia. Imaxínanse?

Comentarios