Opinión

Irán

OBAMA VE un mundo «máis seguro» tras a entrada en vigor -ao facerse efectivo o levantamento das sancións que pesaban sobre Teherán- do pacto nuclear asinado en xullo pasado por Irán e as seis potencias mundiais do G5+1 (EE.UU., Rusia, China, Reino Unido, Francia e Alemaña). «Evitamos que Irán teña a bomba atómica», sentenciaba un triunfal Obama, á vez que anunciaba novas sancións a empresas iranianas. Un exemplo de libro da diplomacia do pau e a cenoria. O acordo nuclear con Irán constitúe o éxito máis grande de Obama en política exterior. O regreso ao escenario mundial con todas as da lei do durante case catro décadas demoníaco Irán pode contribuír a estabilizar -ou polo menos, a que non rebente definitivamente- o explosivo escenario de Oriente Medio. A desastrosa situación da zona -a cuxa descomposición contribuíron dous dos seus predecesores na presidencia de Estados Unidos, Bush pai e fillo, coa inestimable achega doutros dous xenios da política das últimas tres décadas como Aznar e Blair- pode paliarse dalgún modo cunha maior implicación de Teherán. O chiíta Irán é quizais o estado máis consolidado e mellor armado -en todos os sentidos, menos no nuclear, no que lle gañaría Israel- da zona e terá moito que dicir ante os sunitas Arabia Saudita e Turquía á hora de pararlle os pés ao Estado Islámico (sunita) en Siria, Iraq e Iemen. Cos bombardeos da coalición occidental non chega.

Comentarios