martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Circo sen pan

A SEGUNDA fase desta campaña bienal promete ser máis animada ca primeira -a concluída o 20 de decembro-, polo menos como espectáculo mediático. O 26-X corroborará, ou non, se a campaña circense na que estamos inmersos servirá para animar aos electores a ir ás urnas ou o contrario. Os cruces de descualificacións serán moeda corrente ata o último domingo de xuño. Coma antes do 20-D, as propostas dos partidos, se as teñen, ocuparán un lugar marxinal nas súas estratexias de campaña. A autocrítica estará ausente e as formacións políticas envorcarán os seus esforzos en botar aos rivais a culpa de todo, incluída a morte de Manolete se fai falta. As propostas para loitar contra o paro, a corrupción e os recortes en educación, sanidade ou servizos sociais terán menos espazo nas axendas de campaña dos partidos có e ti máis. No medio deste desolador panorama, Pablo Iglesias foi o primeiro en mover o cotarro. A alianza de Podemos con IU e a proposta ao PSOE -non faltan os que aseguran que a iniciativa foi dalgúns baróns socialistas- de concorrer xuntos ao Senado non deixaron indiferentes aos dirixentes dos outros tres grandes partidos, que se lanzaron á xugular do líder podemita. O importante é que falen dun aínda que sexa ben, estará pensando Iglesias. Pero isto non fixo máis que empezar. Mariano Rajoy, Pedro Sánchez e Albert Rivera tamén sacarán os seus ases da manga. Todo queda entre tafures. A falta de pan, circo.

Circo sen pan
Comentarios