Opinión

Cambio

O CAMBIO vale para un roto e para un descosido. Todos os partidos utilizan esta palabra comodín nos seus lemas electorais. O slogan -‘'Por el cambio'- que tan bo resultado lle deu a Felipe González na campaña de 1982 -xa choveu desde entón- foi copiado con lixeiras variantes polas formacións políticas ao longo destas tres últimas décadas e media. As últimas citas coas urnas non foron unha excepción. Os propagandistas de PSOE -'El cambio que une'’-, Partido Popular -'‘Súbete al cambio’', en 2011, e ‘'Empieza el cambio', na campaña do 20-D-, Podemos -‘'2015 Empieza el cambio'’-, Cidadáns -‘'El cambio'’- ou CiU -'‘Comença el canvi'’- deron mostras, como se pode apreciar, de espremerse os miolos á hora centrar -en todos os sentidos que se queira dar á palabra- as súas mensaxes. Así as cousas, poderíase colixir que o ‘Goberno do cambio’ que tanto pregoa Pedro Sánchez podería valer tanto para un de gran coalición co PP como para un de esquerdas con Podemos. O cambio que máis tradición ten na política é o cambio de chaqueta. En toda negociacíon para gobernar cando non se dispón de maioría absoluta imponse o cambio de cromos. Non escasean os personaxes que non levan cambio na carteira e cuxa especialidade é o cambiazo. Son aqueles que se dedican á política para cambiar de status ou para cambiar o diñeiro de caixa, da caixa pública á caixa b do seu partido ou a súa caixa forte nun banco suízo. Cambio e corto.

Comentarios