sábado. 23.10.2021 |
El tiempo
sábado. 23.10.2021
El tiempo

Bush

O TERCEIRO foi o vencido. O abandono de Jeb da carreira presidencial dos EE.UU. pon fin, de momento, á posibilidade de que un terceiro membro da saga Bush, a todopoderosa familia republicana -o caso máis similar sería o clan dos Kennedy no lado demócrata-, ocupe o Despacho Oval da Casa Branca. O exgobernador de Florida (que empezou a ser coñecido no reconto de votos das eleccións de 2000, nas que o seu irmán George W. lle birlou o triunfo ao demócrata Al Gore) tirou a toalla tras acabar cuarto nas primarias republicanas de Carolina do Sur, por detrás de Donald Trump, Marco Rubio e Ted Cruz. Jeb Bush saltou á fama grazas ás orixinais papeletas bolboreta de Florida, tan decisivas no esperpéntico escrutinio -interrompido xudicialmente e non recorrido por Al Gore- que lle permitiu aceder á presidencia dos Estados Unidos a George W. Todo queda na familia. O demais é moito máis serio: a foto das Azores de 2003 con Aznar e Blair e a invasión de Iraq, cuxas terribles consecuencias seguen saltando á vista trece anos despois. E iso que moitos daban por pacificado Oriente Medio co derrubamento da estatua de Sadam Husein en Bagdad e a aterraxe de George W. no portaavións Abraham Lincoln. O pai, George Bush, xa deixara a sua pegada na zona coa primeira Guerra do Golfo. Todo se acaba. No caso dos Bush, á terceira foi a vencida. Poderase aplicar agora aos Clinton o dito de que segundas partes nunca foron boas?

Bush
Comentarios