Opinión

Arames

ESTEBAN GONZÁLEZ Pons mostrou esta semana, ao referirse a Hungría, a súa contrariedade pola construción de muros en Europa ante o aluvión de refuxiados. Ten razón o europarlamentario do PP, aínda que se esquece de que España é pioneira no de levantar aramados para frear a entrada dos que foxen da miseria. Ou, literalmente, non se esquece: os valos de Ceuta e Melilla están en África, non en Europa. Agora España non está no ollo do furacán migratorio europeo salvo no perfectamente descriptible entusiasmo co que os mandatarios responden ás mostras de solidariedade cos refuxiados que lles reclaman os cidadáns. Agora a campioa na instalación de concertinas -no dicionario a única acepción desta palabra é a de instrumento musical similar ao acordeón, non a de arame de coitelas pola que se fixo tristemente famosa- é Hungría. Coa crise migratoria a Unión Europea segue o patrón da económica. Se nesta salvou aos bancos e non ás súas vítimas, agora pon trabas á libre circulación de persoas, mentres os capitais gozan dunha ponte de prata para ir dun país a outro, e aos paraísos fiscais. Incluído o diñeiro dos traficantes de seres humanos e de armas. Os refuxiados foxen do avance do yihadismo en Siria, Iraq, Afganistán, Libia, Somalia ou Nixeria. As guerras nestes países non se fan sen armas. E moitas delas proceden de Europa. A UE vaise ao carallo mentres os que deberan ser os seus bombeiros non paran de botar leña ao lume.

Comentarios