Opinión

22-M

OUTRA VEZ. Agora tocoulle a Bruxelas. Antes foron o 11-M de Madrid en 2004, o 15-J de Londres en 2005 e o 13-N o ano pasado en París. Agora xa temos o 22-M de Bruxelas. Todo empezou, para Occidente, o 11-S de 2001 en Nova York. Non foron estes os únicos atentados yihadistas no que vai de século XXI, pero si os que, con diferenza, máis espazo ocuparon nos medios de comunicación occidentais. Lóxico. Pero conviría non esquecer que a barbarie yihadista tamén se cobra vítimas -e máis ca no hemisferio norte- en moitos países musulmáns de África e Asia, desde Túnez, que o temos aquí á beira, ata o Extremo Oriente. Basta lembrar os atentados de Bali en 2002, con case douscentos mortos, ou os que case a diario hai en Nixeria, Somalia, Mali ou, agora, Turquía, á parte dos que ocorren nos países en guerra, como Iraq e Siria. Por certo, agora hai un país, Iemen, que vive unha guerra atroz da que ninguén fala e na que o invasor -Arabia Saudita e os seus aliados-, no seu afán de esmagar aos hutis, están a propiciar a incursión dos yihadistas do Estado Islámico e Al Qaeda. Aí están os protagonistas, EI e Al Qaeda, que compiten por ser quen máis mata na súa rivalidade por liderar o yihadismo. Que poden facer os países do norte? Para empezar, tres cousas que teñen na súa man e non farán: integrar aos musulmáns nas súas cidades evitando os guetos, suprimir a venda de armas e arranxar dunha vez o de Palestina.

Comentarios