Opinión

Os vieiros da ardente Sabela


Que o anterior monarca español foi fidel a unha tradición que fixo de moitos predecesores cultivadores de todo tipo de lascivias, é un lugar común e tamén unha peza eficaz e algo espectacular en materia de facer republicanos, cada día máis ferventes e optimistas. Pero últimamente como a prensa de papel cuché carece de fastos, por vía televisiva acude a salpimentar o asunto con algo de pemento picante, tan propio das pezas de vodevil e como novidade a imitación de Harry Poter cos antídotos dos filtros de amor para amingoar as ardentias, ou sexa a administración de bromuro que se decia que empregaban no servizo militar. Ben é certo que a información procede dun dos actores protagonistas dos chamados sumidoiros do Estado, pero tamen é verdade que son moitos os indicios que sinalan a recreación dos tempos da súa tataravoa a ardente Sabela: desmesuras amorosas, finanzas irregulares, caricaturas a eito e para moitos albíscanse idénticos finais, ou sexa unha terceira e rediviva república.

Lembro que nos anos da miña mocidade ao asomarnos ás actas municipais, temos visto referencias que se prestaban a doadas interpretacións como por exemplo cando nunha ocasión nos primeiros anos do seculo XVIII a condesa de Ribadeo solicitou do Concello que lle pasaran uns fondos de douscentos dobróns coa observación de que o seu marido non o soubera. Tanta discreción ergueu as nosas sospeitas Naturalmente non pensamos naquilo de que a túa man dereita non saiba o que fai a esquerda que figura nos Evanxeos. A referencia ocorreuselle citala ao meu lembrado profesor de Historia nun pregón das festas patronais de hai moitos anos como unha choscadela simpática. Pero ocorreu que por iso tivo qe aturar algunhas críticas dos seareiros da nobreza. Algunhas persoas de tertulia de cafetaria e chocolate con torradas calificaron a referencia como impropia, ou fóra de tono. Xa morrera o dictador, pero ainda non era o tempo da seitura Qué non dirian hoxe ao escoitar na televisión comentar algunhas luxurias cometidas non por un conde, senón polo rei cesante nada menos¡.

Era aquel un tempo no que ainda aniñaba o medo no corpo logo de ser cultivado durante corenta anos. Acude á lembranza aquel cura dunha parroquia da outra banda da Ria que para criticar a un cargo educativo, fíxonos a confidencia de que era masón —vade retro¡— e resultou que aquel santo varon revelador do secreto, do que se decia que cando a guerra andaba con pistola, ignoraba que o alcumado era realmente do Opus Dei. Qué obsesións coa masonaria, cuxo lema era realmente moi axeitado para a clandestinidade “Audi, vide, tace, si vis vivere in pace” ou sexa escoita, mira e cala se queres vivir en paz. Daquela descoñeciamos a divisa pero era obrigado observala e tamén a virtude da cautela, que hoxe non é moi abondosa, pero tamén resultou que a teima franquista incitou a nosa curiosidade porque se ia aparellado á besta negra do comunismo, era seguro que se trocaria nun azo para a investigación. Perante a imposibilidade de realizar consultas a percura de información moitos anos despois a lectura conducia a sorpresas maiúsculas, como foi a de que Augusto Barcia Trelles veciño noso, oriundo da Veiga chegou ao grao trinta e tres da organización. Ou sexa o irmán de D. Camilo ao que viamos adoito nas mesas do antigo Café Mediante. A este a represión colleuno de esguello como refrexa a tristeira fasquía no retrato que Benito Prieto Coussent lle fixo nunha curta estadia dos dous na cadea en 1936. A obra está pendurada no Salon de Plenos do Pazo Municipal ribadense. 

Naturalmente sempre houbo algún espiritu xeneroso, que foi quen de acender un misto naquel panorama escuro e avesio, do que algúns teñen saudades. 

Comentarios