Opinión

Tempo de lecer

Despois das ideas terapéuticas do Sr.Trump a base de doses de desinfectante que converten en adiantados aos doutores Mengele e Heims nos campos de Auschwitz e Mathausen respectivamente, e limitándonos a sinxelas medidas paliativas, os recentes tempos de cuarentena domiciliaria foron días de recomendacións e ideas de ofertas alternativas para facer o tempo máis levián. Sendo actividades plausibles a posta en valor de profesións como a dos panadeiros e o traballo dos fisioterapeutas, creáronse algunhas situacions chuscas pero outras problemáticas e mesmo graves Que conste que nós tamén nos permitimos algúns excesos con lenes suxestións aos lectores se nos desculpan a hipérbole. Fixérono outros pero cunha certa sorpresa decatámonos que a algúns non se lles ocorreu cousa mellor que aludir á soga na casa do aforcado, ou sexa recomendar títulos que cadraban co tema da soidade, mesmo obras sobre aillamento que non animn totalmente á depresión como ‘Robinson Crusoe’ que ten amenidades como a loita contra os salvaxes e o aliciente da educación rusoniana dun tenro nativo. Nen ‘O conde Montecristo’ que cociña a súa venganza a fogo lento durante boa parte da trama, tócalle a lotaria de dar cun tesouro e remata sendo feliz. Pois nen sequera iso, houbo quen pensou en ‘A Peste’ de Camus, que é o mesmo que recurrir ao Padre Gaspar de Astete no descanso duns exercicios espirituis ou agasallar a alguén que vai para un internado con ‘As tribulacions do estudante Töerles’ de Robert Musil.

Foi tamén tempo de confesións e confidencias públicas que espertaron algún interese mecé ao morbo duns titulares axeitados. Os Exercicios que nalgúns colexios se organizaban ian precedidos de aillamento, xexúns e abstinencias para debilitar o corpo e aguciar a reflexión, pero o que cómpre agora debe contribuir a fomentar o ánimo, ainda que non se chegue á euforia. E efectivamente a lectura é unha boa compaña até o ponto de que nos imos arriscar a facer algunhas suxestións ainda que nos reduzan a unha factoria de venda por internet, Así aducindo como mérito unha dedicación a vellas iniciativas a prol do libro galego, deslizaremos algunha recomendación con ingredientes tais como unha vida de anos agachado fuxindo de quen o queria matar pero con remate feliz. Referímonos a ‘O siñor Afranio ou como me reispei das gadoupas da morte’ que é a peripecia vital do deputado Antón Alonso Rios, que durante a guerra viviu agachado e traballando polas aldeas e rematou fuxindo a traves de Portugal e chegou á Arxentina, e viviu ainda moitos anos en Buenos Aires. Mais se quere o sorprendido lector fuxir das secuelas da guerra e criar un sorriso con historias anteriores, quizais poderia botarlle un ollo á pequena e encantadora novela ‘Ilustrisima’ de Carlos Casares, a historia dun bispo galego enfrontado a unha curia fanática e atrasada, cunha peripecia sobre o cinematógrafo E se prefire un mesturar intriga política e o amor que non confesa o seu nome, ousariamos indicarlle ‘Fabula’ de Xavier Alcalá 

Sabemos que non é moito ainda coa dúbida, cando isto se escrebe, de ignorar se trunfará a ousadia ou a prudencia no conflicto xerado pola pandemia, ou sexa a aproximación á normalidade e á continuidade.Tamén aquí hai un enredo propio do xénero policiaco pero isto é moi serio e require un tempo. Parece incrible que a dilixente prática de oficios e tarefas de tempos recuados non leve a comprender as cadencias, como se fai na música e na literatura. E tamén na agricultura.

Comentarios