Opinión

Á sombra do día das letras

Hoxe celébrase o Día dasLetras Galegas, unha feliz iniciativa cuxos pormenores tiven o pracer de escoitarlle a D. Paco del Riego, un dos autores da proposta, hai xa moitos anos, mesmo tempo despois de falar con el por primeira vez, porque daquela estábamos máis interesados na traxectoria local do Partido Galeguista e sabiamos que no mitin que pronunciara Castelao no Teatro de Ribadeo o dia 12 de febrero de 1933 tamén intervira Del Riego, daquela un estudante de Dereito de vinte anos de idade, un rapaz á beira do rianxeiro e dos seus compañeiros no acto, ou sexa os deputados Antón Villar Ponte e Ramón Suárez Picallo, xunto co responsable local do Partido Galeguista Claudio Pérez Prieto Andabamos pois coma quen comeza a tocar un instrumento musical, tanteando notas e apromimándonos tatexantes e perfilando camiños. Realmente non nos decatamos fondamente do Dia, ou sexa prestándolle atención ao destinatario até 1963: acudimos á Biblioteca e procuramos unha edición da novela ‘Vaosilveiro’ do dedicatario Gonzalo López Abente, unha novela de trama convencional algo tópica e esquemática, pero que limos con abondosas consulta ao ‘Diccionario Enciclopedico’ de D.Eladio Rodríguez González, que adquríramos un ano antes. Sabiamos por D. Paco que con el asinaron a proposición á Academia para instituir o Día, dous afervoados galeguistas: Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, o arquitecto autor da ampliación do Museo Provincial de Lugo.

Ocorre que coma no caso das bonecas rusas que unha leva á outra, a figura de Florencio Delgado Gurriarán, a quen se dedica o Día, condúcenos á revista ‘Vieiros’, cuxos primeiros exemplares orixinais adquríramos na libraria deAntón Patiño en Vigo nos primeirisimos anos setenta do século XX. Naquel mundo de estricta clandestinidade, na que o propio libreiro enviaba aos seus clientes en papel copia e escritas a máquina, cartas con información metafórica ou críptica, sobre a chegada de novidades editoriais, nuns anos de escuetas edicións en Galiza, de miseria en todos os aspectos, os exemplares de ‘Vieiros’ editada polo Padroado da Cultura de México en grande formato, excelente calidade do papel e destacadisimas ilustracions —Xavier Quesada, Díaz Pardo, Luis Seoane, Raimundo Patiuño Mancebo, Xulio Masede— eran para nós un agasallo, e unha sorpresa aprezar a afouteza de algúns colaboradores veciños de Galiza, que en plena Dictadura se arriscaban con colaboracións nunha publicación que sobardaba amplamente os límites da chamada Lei de Prensa.

Xunto cos versos que publicou e o papel animador que desempeñou Florencio Delgado Gurriarán, tivemos oportunidade de ler, concretamente no número catro da publicación un par de traballos de Xoán López Durá, secretario de redacción neses días ao que anos mais tarde chegamos a coñecer, pois era irmán do noso veciño e antigo profesor de francés no Instituto de Bacharelato Dr.Mario López Durá. Nun dos traballos ocúpase do cineasta galego Carlos Velo e no outro do subdesenvolvimento galego en varios aspectos. Hoxe é mais importante a facenda que a fachenda di nun paragrafo final, e ao ritmo que imos cabe a posibilidade de perder ambas. Insiste na importancia do factor educativo. Por esas mesmas datas estoupaba o maio frances, e as revoltas universitarias en Santiago, un movimento que tivo unha enorme repercusión no noso país, pois que conectou e animou as clandestinas organizacións políticas que bulian por cidades e vilas, tanto por custións sindicais como culturais e politicas. 

Tómense estas breves liñas como un sinxelo marcapáxinas da memoria, agora que cada vez vai mais acompañada da morriña e dos anos.

Comentarios