Opinión

Sobre desfeitas

Observadores da actualidade política móstranse francamente pesimistas, unha actitude que se incrementa perante a proximidade de procesos electorais. Falamos naturalmente de posturas civilizadas, ou sexa, cun mínimo de reflexión e distancia de formulacións simplistas, que moitas veces se limitan a recoller o saber popular que conteñen algúns refráns e ditos, onde podemos atopar ducias de casuísticas contraditorias. A nivel europeo inqueda o resultado dos pasados comicios húngaros, un país que como Polonia esqueceu o ‘paradiso’ nazi, tan amplo e variado sobre todo en materias espirituais que eles mesmos cultivaron como o esoterismo, o mesmo que agora fai ese polaco de cuxo nome non quero lembrarme que di que o cristianismo non ten que ver co pacifismo. Non era iso o que nos ensinaban na escola de hai moitos anos, ou sexa, que se escorregaban as mensaxes con menor contundencia. Nisto non hai novidades relevantes, e quen acubille dúbidas sobre patentes orixinais ou precedentes doutrinarios, o que pode facer é repasar a Ramiro Ledesma Ramos ou José Antonio Primo de Rivera, máis elaborado o primeiro en materia de substituír o cristianismo pola mística partidaria e os seus símbolos na procura da fe partidaria. ‘Nihil novum sub sole’.

O certo é que o catolicismo polaco que foi un acubillo para o país vaise esgazando á marxe da propia ortodoxia cara unhas tendencias populistas de cariz certamente inquedantes, que van moito máis aló de chamarlle ao Papa ciudadano Bergoglio, como fixo o dirixente español da ultradereita. Vimos nunha reportaxe televisiva unha imaxe do Sagrado Corazón de trinta metros de altura que se exhibe nunha cidade polaca, unha especie de pendón apouvigante que vai parello aos flagrantes incumprimentos en materia de dereitos humanos, e de aí procede a perrencha que o goberno colleu de non se someter á lexislación europea, pesie á imposición de multas coercitivas.

Unha cousa é repetir, que se pode asimilar cun pracer como por exemplo o prato dunha comida, ou unha viaxe, aínda que o resultado sexa ao cabo desastroso,pero hai decisións nas que se aprende polo sistema experimetal e nalgúns dos casos nos que pensamos cómpre falar de reincidir, que se asocia cun erro. Coas eleccións francesas había dúbidas, medos e inquedanzas, non para os frecuentadores dos bancos das mentiras, que case sempre escoran do lado de estribor, senón falando sinxelamente de civilidade e as súas medidas, concretadas en dereitos que se acadaron despois de moito tempo e de grande esforzo, como son os relativos á igualdade de xénero, ou os que se coñecen polas siglas LGTBI. Quen lles ía decir a aqueles xefes de escuadra entusiastas que camiñaban por rutas imperiais que esas señardades de pasadas glorias terían a súa réplica nos intentos de emulación do seu camarada ruso, que asume a xefatura do Estado que foi soviético.
O caso é que a esta mistura de rancio sabor, ou revival do pasado máis esgrevio, só lle falta algunha música para completar a imaxe, quizais aquela cantiga que se chamou Montañas Nevadas, á que a ponla máis radical apoñeríalle a chata de que a letra fose da autoría dunha muller. A un esta especie de analepse lémbralle a técnica e o título daquela novela de Camilo Gonzalez Suárez-Llanos que titulou ‘A desfeita’ co subtítulo de semirreportaxe, e que mereceu o Premio da Crítica Galega do ano 1983.

Comentarios