Opinión

Sentei nun prado mollado

Quen ten boca mete a zoca. Iso pensamos cando o primeiro ministro do Reino Unido no transcurso dunha conferencia quedou en branco, e para sair do apuro non se lle ocorreu cousa mellor que citar uns debuxos animados moi famosos, de orixe británica, naturalmente. Non todos os sucesores do señor Churchill teñen o don da oratoria, independentemente dos seus estudos e os de Mr. Jonshon son de filoloxía clásica, unha vea farturenta para procurar citas e historias.

Obviamente debe existir unha explicación que descoñecemos, ainda que estamos certos de que podería botar man de alusións unha miga máis axeitadas que un comic onde o protagonista é unha porquiña. Pero falando da racha de meteduras de pata que afecta aos conservadores como un andaciom é para nós mais doado especular coa asistenza do Sr. Casado a unha misa en honra do anterior Xefe de Estado e Dictador.

É certo que urxido polas súas conviccions relixiosas para cumprir co precepto de ouvir misa todos os festivos e festas de gardar, ou por amor á liberdade definida pola lideresa de Chamberí como poder elexir entre ir aos touros, á misa, ou de cañas, meteuse na única capela que tiña a man e ,vaia oh!, sucedeu que no templo oficiábase unha misa organizada polos seareiros franquistas, xa que isto sucedeu no mes de novembro, tan ricaz en obituarios propios da dictadura.

Claro que lle pode pasar ao máis svisado, pero ostentando a presidencia dun partido resultará unha mostra de siso unha explicación, porque calquera pode trabucarse. Sen que concurriran en nós tais circunstancias, lembro que hai xa bastantes anos quen asina camiñaba pola Praza da Quintana en Santiago, cun destino que non ven ao caso, pero ao pasar escoitamos soar o órgano da Catedral, razón pola cal entramos no templo e resultou que había unha misa en memoria dun santo que se chama Josemaria Escrivá, que non era da nosa simpatía e resultaba notorio porque daquela coma hoxe, existian simpatías e antipatías e sen entrar en miudezas, aquel devoto varón parecianos un sinxelo baturro testán, de xeito que adiamos o pracer do concerto, con grande pesar desde logo, ainda que só era por coherencia propia.

Debera bastar en situacións como a protagonizada polo Sr.Casado, xa sen entrar en consideracións particulares como que ás veces cómpre rexeitar o convite a xantar bosta, porque pesie a non probala, xa intuimos que non nos gosta. O caso do premier inglés ten a súa beira choccalleira, pero o aspirante español unha migalla de xustificación paifoca, por moito que algúns sentencien como escudeiros ou bos executantes de claque, o seu asombro preguntándose se alguen pode pensar que foi feito aposta. O certo é que nun espazo tan reducido resulta bastante difícil de crer que se pensara nuns discretos devotos asistentes ao oficio religioso, cando os do encargo e asistentes, identíficanse mais ben polo estarabouzo e os aspaventos e as correaxes curtidas, e outras partes chamativas do atrezo, que comprende bandeiras e escudos preconstitucionais, con voces estentóreas, antes que os bisbeos dos discretos rezos comúns.

Sen aptitudes adiviñatorias descoñecemos as motivacións do lapsus do primeiro ministro británico, pero non vemos probable que acudise a un acto na memoria de Mr. Oswald Mosley. Pero non nos amilagra no caso do líder español que se tratara dun acto deliberado, tendo en conta que sostén un pacto co partido da estrema dereita, que quizais non sexa de aceiro, pero non é tan esluido como queren facer ver cando lles convén. Sentei nun prado mollado, douche ao demo o mal sentado.

Comentarios