domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

Sabes quen son?

Segundo din algúns medios o presidente do Partido Popular radicalizou a propia mensaxe, para competir coa súa rival e compañeira de partido que preside a Comunidade de Madrid e que realmente exerce como se fose unha xefa de goberno de outro estado, porque no batifondio que se armou por unha disputa lingüística, a Presidenta ofreceu nada menos que o dereito de asilo a quen se sinta discriminado polo uso do español. Hai quen pensan nun disfrace do Sr.Casado e se é certo, realmente significa que xa se dá por vencido, pois como dixo un pensador francés do século XVII, estamos tan afeitos a disfrazarse perante os outros que acabamos facéndoo perante nós mesmos, e se consiste unicamente nunha afeizón apaixoada pode resultar polo menos choqueira. Pensábamos niso cando reparamos nun titular que informaba de que os bombos xa estaban no Teatro Real, pero resultou que non se refería ao instrumento musical de percusión para acompañar unha charanga, senón aos da lotaria. Pero se falamos de máscaras, acae referirse a unha anécdota que sucedeu no noso concello. En 1878, finou un martes de Entroido un personaxe tan afeito ao costume do disfrace, que non resistiu a tentación e no limiar da morte, chegou a se vestir de defunto, e enfundouse cun sudario que ao cabo resultoulle de utilidade: dese xeito deixouse ver no balcón do domicilio e con voz profunda e tatexante dixo quén era e de qué ía vestido.

Naturalmente este estarrecente episodio non debe tomarse como un agoiro, senón como unha sinxela brincadeira do mesmo nivel da interxección mal soante coa que quixo darlle forza ás suas verbas o presidente do PP., no transcurso dun pleno no Congreso. Non suxerimos que recuase até o cáspita!, pero a oratoria parlamentar non é a propia dun garito con partidas ao tute. En galego dispomos dun amplo abano, por exemplo recoiro ou xa non falemos do polivalente madia leva. A famosa frase do Conde de Romanones ‘Joder qué tropa!’ foi un comentario que lle fixo a un ordenanza, cando D.Alvaro comprobou que nengún dos académicos que sobornara lle dera o voto para a súa teima de facerse membro da Real Academia Española. Pero nunca usou tais palabras no hemiciclo do pazo da Carreira de San Xerome.

Os pasados dias o Parlamento de Galiza inaugurou unha exposición co título ‘O don da palabra’, pero como contraste os colegas do Congreso dos Deputados parecían seguir nunha competición ecuestre, ou sexa andar a couces entre eles. Isto non significa eximir aos que se sentan no Pazo do Hórreo de todo tipo de exabruptos, porque tamén houbo cardos ademais das flores, mesmo acompañados deses xestos e acenos procaces, que case nunca enxergan os presidentes da Cámara.

Como en tantas naterias foise a peor a pesar de que o listón tampouco era tan difícil de manter. Non pretendemos adoviar estas sinxelas liñas con exemplos do parlamentarismo británico, só nos remitimos ao español, como acabamos de ver, e imos redondear coa famosa precisión entre o presente e o xerundio relativa a que non é o mesmo estar dormido que estar dormindo, pero a sonada frase refírese a outro verbo, concretamente ao acto reproductivo humano. Con todo resulta que o Premio Nobel Sr. Cela copioullo a un deputado do século XIX, coa pretensión do de Padron de ir labrando unha biografía axeitada aos seus intereses. Ben é certo que se trataba dun Senador por designación real, unha das argalladas da Lei para a Reforma Politica de 1976. Pero tanto dentro como fóra da cámara isto chámase fusilar, unha práctica literaria con algunha tradición que seica tamén abranxe ao literato galego.

Sabes quen son?
Comentarios