Opinión

Á procura de feirantes

Non é esta unha columna especializada nen moito menos e acotío a falla de nume condúcenos ao diario e este é tan repetitivo que nos leva á procura de inspiración na política, que hoxe constitúe un verdadeiro manantío Pero resulta que está tan chea de bises que un vota de menos ao Cunqueiro de sempre pero no que atinxe á inspiracion aos feirantes. Os outros no título do de Mondoñedo e os de agora, e deixar e ver se tamén os de mañá. Realmente debera abondar coa cesada testa coroada, non por un elmo de ilusión como dixo o vate nicaraguense referíndose a Don Quijote, senón por unha rodela de palla, un asunto o do exmonarca que dou para encher folios a esgalla. Pero resulta que a competencia en materia de feirantes, tratantes e chaláns, é moi dura. E xa non falemos dos que andan á regueifa, quizais imitando aquel deseño de Goya ‘Loita a fungueirazos’. Xa postos en exemplos puramente escolares, lembremos que mentres os contendentes pelexan con carraxe están afundíndose na lama, pero voltando a estas liñas e personaxes inspiradores, un deles seica prioriza a venda dun libro seu, e para iso precisa do marketing, e xa se sabe que axitar as augas forma parte desas tácticas pedaneas. O caso é que cando un grupo critica a outro pola corrupción, a resposta non é rebatir con argumentos que o neguen, senón respostar con iso de ‘e ti peor’. Seica o retroceso ao que xa aludimos en reiteradas ocasións volve en todo: Parece mentira de ti Xose Luis, en politica non hai palabra, díxolle ao Sr. Barreiro Rivas un alcalde popular ao que aquel lle recriminara que lle dera palabra de apoialo e que o traizonara. Velaí unha ocasión para a tristura e para a reflexión, e un desmentido á imputación de que decote acudimos a citas exóticas.

Por iso reiterando o filón enxebre, cómpre volver a Cunqueiro e concretamente ao primeiro relato do volume, de 1979 de ‘Os outros feirantes’ que se titula ‘O cabalo de Alberte Merlo’, sobre unha besta que non só sabía falar, e comentaba co seu dono as políticas do mundo que traían os xornáis, senón que lle esixiu que lle cambiase o nome de Moro que non lle gostaba, e Alberte logo de consultar cun mestre de Muros, púxolle Cheval que é como lle chaman aos cabalos en Franza. Co paso dos meses di o relato cunqueirán, Cheval íase mostrando moi vivo de xenio, e tiña ciumes de que o seu dono falase coa xente sen estar el presente, e que lle lera o periódico á muller que era analfabeta: «¡Dabondo fas con dormir con ela!» E chegou a pedirlle que se comprometera por escrito que non falaría cos outros homes mais que por señas. cousa que fixo e xa ao remate, o cabalo esixiu que rexistrara o documento.

Ou sexa todo un catálogo de ciumes, arrogancias, desprezos e imposibles. que se ofrecen como un xogo de palabras agachadas á procura de protagonistas; pero podemos ainda pedirlle prestada a imaxinación a D. Alvaro e no canto de buscar personaxes ocultos, descubrir conceptos debaixo do humus e a borralla. Velaí un xogo de mesa de inverno, que é a tempada que imos vivir sen metáforas nen brincadeiras. Podémonos acompañar dos outros dous títulos do que o autor chamou triloxia: ‘Xente de aquí e de acola’ e ‘Escola de menciñeiros’.

Pero continuando co achádego do entretido xogo, suxerimos a descoberta de imposturas, caracteres atrabiliarios, fachendosos, cinicos, a avaricia disfrazada de xenerosidade e aqueles que confunden a sorte que os empuxou coa razón, e requiren o incensario só porque son actores afeizoados malos, que subiron a unha peaña. Detectar aos expertos nas lapelas dos libros de peto que finxen unha grande erudición, xa é para nota.

Comentarios